Recoñecen que se cobraron cantidades adicionais, pero non estiman que exista "ilícito penal". Os afectados han recorrer a decisión.
O Xulgado de Instrución Número Dous de Vigo acordou o sobresemento libre e arquivo da causa do suposto cobro de sobreprezos en vivendas de protección oficial por parte da construtora Construcuatro, no barrio vigués de Navia, segundo sinalou o avogado dos afectados, Antonio Salceda.
Segundo Salceda, a xuíza recoñece que a empresa cobrou cantidades adicionais polas vivendas, dende unha actuación de "superioridade", pero non estima que existe un "ilícito penal". Os ilícitos penais -faltas ou delitos- son situacións nas que unha persoa causa ou dana a outra -ou ao conxunto da sociedade- de tal xeito que se considera que o asunto xa non é privado, senón que concirna a toda a sociedade.
Porén, o letrado Antonio Salceda considera que quedou probada a existencia de "coaccións", dun "delito de estafa" e dunha "maquinación para alterar o prezo das cousas", polo que asegurou que vai recorrer o auto xudicial, presentando un recurso ante o mesmo xulgado e, de non prosperar, presentará un outro recurso de apelación ante a Audiencia Provincial. Aínda que o caso se sobreseu, no auto descríbese que os afectados poden remitirse á Consellaría de Vivenda, co obxecto de recuperar as as cantidades de diñeiro de solicitan; e aos tribunais civís, para reclamar as deficiencias dos pisos que tamén denunciaron os propietarios.
Denuncias dos afectados
Un voceiro dos afectados polos sobreprezos, Guillermo Vero, sinaloulle a Europa Press que o sobresemento do caso "confirma as sospeitas" que tiñan, e que en varias ocasión denunciaran, sobre a "falta de interese por investigar" e "para que a cousa saíse adiante". Ao tempo, sinalou que os afectados "non perden a esperanza, aínda que isto é unha cambadela máis. Quédannos os recursos e imos seguir pelexando para recuperar o que pagamos", concluíu.