Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Declaran os responsábeis de Construcuatro

Os socios de Telmo Martín admiten os sobreprezos cos que cargaron aos compradores

Xustifícano dicindo que fixeron "melloras" nas vivendas protexidas. Grupos de veciños esperáronos á porta do xulgado para pedir que lles devolvan os cartos.

Redacción - 09:00 15/02/2008

O conselleiro delegado da construtora Construcuatro, Xosé Manuel Torres, e o presidente Euxenio Sobral, recoñeceron este xoves no xulgado de instrución nº2 de Vigo que a súa empresa cobrou sobreprezos nas vivendas públicas protexidas no polígono de Navia, en Vigo. O terceiro socio, o líder do PP na cidade de Pontevedra, Telmo Martín, aínda non declarou, á espera do que decida a xuíza ao respecto.

Todos eles enfrontan, entre outras, posíbeis acusacións de delito fiscal e coaccións. A Xunta xa fixara unha multa dun millón de euros para a empresa construtora e prepara un expediente sancionador. Con todo, a sanción da administración será independente da propia resolución do proceso xudicial.

Diante da xuíza, os responsábeis de Construcuatro recoñeceron os sobreprezos pero argumentaron que se tratou de cantidades estabelecidas para "mellorar as calidades" das vivendas. Mesmo chegaron a cualificar o seu proceder de "favor" aos compradores.

Queixas dos afectados
De moi diferente opinión son os compradores afectados, algún dos cales se achegou até a porta dos xulgados este xoves, vestindo camisetas con lemas en denuncia do acontecido. Os compradores aseguran terlles pagado nalgúns casos directamente a X.M.Torres e E.Sobral, cantidades de até 30 mil euros. Lembran ademais que os construtores ameazaban con trasladarlles o piso a outros compradores no caso de que non apandasen co sobreprezo esixido.


4,75/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: