Un xulgado de Vigo e Vivenda abriron dilixencias para comprobar se son certas as denuncias por sobreprezos contra a empresa Construcuatro, da que é socio o dirixente do PP pontevedrés.
Os denunciantes aseguran que a construtora lles esixiu entre 21.000 e 33.000 euros en diñeiro negro antes de asinar o contrato de compra-venda, no que, por suposto, non se facía ningunha alusión a esta petición ilegal, segundo adiantou a Cadena Ser.
A denuncia afecta de cheo ao candidato do PPdeG na cidade de Pontevedra xa que Telmo Martín posúe o 33% da empresa demandada. Se se demostran as irregularidades, Construcuatro tería que devolver as axudas que recibiu da Xunta e non podería edificar máis vivenda protexida en seis anos. A empresa mercara a prezo reducido a parcela urbanizada, ubicada no polígono de San Paio de Navia (Vigo).