Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
Mitins en Caldas e Santiago

"Non nos van dar leccións de urbanismo os de Construcuatro, os das trapalladas", di Touriño

O secretario xeral do PSdeG di que "galeguismo non é facer abstraccións falsas, nin ecuacións nin tiras e afrouxas falsos co goberno do Estado".

Redacción - 09:00 03/03/2008
Tags:

Nunha comida-mitin na localidade pontevedresa de Caldas de Reis, Touriño advertiu de que "non vale todo en política" e asegurou que a denuncia do PPdeG ao respecto da autovía do Barbanza está feita "para desacreditar, para desprestixiar aos funcionarios, aos traballadores, aos directores xerais e á Consellería de Política Territorial".

O dirixente socialista aproveitou a súa presenza en Caldas para indicar que a denuncia ao respecto da Vía do Barbanza é "unha intentona similar" á que sufriu o propio ex alcalde de Caldas, o socialista Xosé María Tobío, que o pasado mes de febreiro foi absolto da acusación por un suposto delito contra a ordenación do territorio polo que fora denunciado en 2003 pola Consellaría de Política Territorial, que por aquel entón dirixía o agora presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo. Ao respecto, Touriño subliñou que o PP "non lle dará leccións de urbanismo" ao PSOE. "Non nos van dar leccións de urbanismo os de Construcuatro, os das trapalladas,", resaltou o secretario xeral dos socialistas galegos.

Doutra banda, nun acto electoral en Santiago de Compostela tamén este domingo, o secretario xeral do PSdeG opinou que o galeguismo non é "facer abstraccións falsas, nin ecuacións nin tiras e afrouxas falsos co goberno do Estado", tras o cal concluíu que o galeguismo "real e pleno" consiste en facer de Galiza "un país cada día mellor para os seus cidadáns". Touriño explicou ao respecto que considera que "galeguismo e socialismo" é facer de Galiza un país "solidario e cooperativo co resto do Estado e de cidadáns cada vez máis libres e iguais". Desta volta, Touriño dirixiuse especialmente cara ás mulleres e pediu o voto para "o presidente que puxo en marcha a Lei de Igualdade" e en contra do partido que "votou en contra desta normativa", en alusión ao PP. Touriño pediu ademais o apoio dos cidadáns "que saben que a política non pasa pola confrontación, pola división, por crear cada día alarma e desconfianza" nin por "utilizar de xeito indecente a loita contra o terrorismo para o rédito electoral".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: