Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DESPOIS DO PROCESO XUDICIAL

Construcuatro terá agora que afrontar as posíbeis sancións da Xunta

A lexislación prevé un mínimo de seis anos de inhabilitación para construír vivenda protexida, así como unha sanción económica.

Redacción - 12:20 27/11/2008

Despois de que o Xulgado de Instrución Número Dous de Vigo acordase o sobresemento libre e arquivo da causa do suposto cobro de sobreprezos en vivendas de protección oficial por parte da construtora Construcuatro, ábrense novas vías para que os afectados poidan recuperar as súas inversións.

Primeiro, é de agardar que o proceso xudicial continúe, xa que é previsíbel que os propios denunciantes recorran ante a Audiencia Provincial de Pontevedra o auto que coñeciamos hai uns días. Doutra banda, a alternativa vén da man da vía administrativa. Actualmente a Consellaría de Vivenda mantén aprazado o expediente aberto en outubro de 2007 mentres non remata definitivamente a vía xudicial, máis a expectativa é reabrilo nese futuro e aplicar a Lei de Vivenda do ano 2003, vixente no momento dos sucesos denunciados. O feito de que o auto considere probado e avalado que Construcuatro reclamou cantidades adicionais aos compradores de vivendas protexidas no polígono vigués de Navia facilita o camiño. Se ben descarta o delito penal por mor de que non media a ameaza ou o engano, abre a posibilidade de que chegue a bo porto o expediente sancionador.

A Lei de Vivenda prevé unhas sancións dun mínimo de seis anos de inhabilitación para construír vivenda protexida, a devolución das cantidades cobradas ilegalmente e unha multa de até o dobre desa mesma cantidade. Segundo as estimacións, o responsábel desta empresa, Telmo Martín, exporíase a unha multa que chegaría até os dous millóns de euros en total e á prohibición de construír pisos de protección oficial. De concretarse, esta non sería a primeira sanción imposta pola Consellaría que dirixe Teresa Táboas, xa que a promotora Vigolar tamén tivo que facer fronte a unha multa de 5,6 millóns de euros polo cobro de sobreprezos. Con todo, este tipo de delitos serán previsíbelmente máis difíciles nun futuro, logo da aprobación da futura Lei de Vivenda (en decembro chega ao Parlamento), que crea un rexistro único de demandantes de pisos protexidos xestionado pola propia Xunta, no que os beneficiarios saen dun sorteo. Ademais, as sancións para as infraccións graves (como estaría tipificado o cobro de sobreprezos) serán moito máis elevadas, oscilando entre os 60 mil e un millón de euros.


Ligazóns

5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: