 
 
O problema xorde cando a obsesión polo crecemento económico pon en perigo a vida no Planeta en todas as súas formas. Primeira entrega do especial Canto custa arrefriar o Planeta?.
A economía rexe os destinos dos homes e das mulleres do mundo dende que os sapiens dominaron a Terra. A fame e a morte, as pandemias e as guerras, sempre teñen os cartos nas súas raiceiras. Non é unha novidade. Se cadra forma parte da natureza humana. O verdadeiro problema xorde cando a obsesión polo crecemento económico muda nun factor limitante xa non só para a supervivencia da humanidade, senón para o desenvolvemento da vida no Planeta en todas as súas formas. 
  Ao abeiro da Convención Marco de Nacións Unidas sobre o Cambio Climático (1992), o Protocolo de Quioto (1997) parecía ser unha ferramenta válida para reverter unha situación insustentábel xerada exclusivamente polas actividades humanas. Entre outros nocivos gases con efecto invernadoiro (GEI), o CO2 amoréase hoxe xa con preto de 385 partes por millón, algo nunca soportado pola historia natural da Terra, de aí que moitos científicos propoñan que á era xeolóxica actual lle chamemos "Antropoceno". "A industrialización provocou tantos cambios no ambiente que xustifican plenamente a inauguración desta nova época", escribiron Jan Zalasiewicz e Mark Williams en GSA Today.   
  
O quecemento achégase a límites insustentábeis. Reducir as emisións un 5,2% entre 1990 e 2012, como se "consensuou" en Quioto, non parecía tan difícil, mais o certo é que a taxa anual de aumento das emisións de carbono por mor da queima de combustíbeis fósiles multiplicouse por catro entre a década de 1990 e o período 2000-2007.   
  
Quioto foi un fracaso. E non só polo escaso (nulo) compromiso político dos Estados que o ratificaron e pola negativa dos Estados Unidos (EUA) a dar conta del –co 4% da poboación mundial, EUA emite á atmosfera o 22% do total do carbono, logo é imposíbel frear a mudanza climática sen o compromiso do Imperio–, que tamén, senón pola teima da humanidade industrializada, obsesivamente neoliberal, en fomentar o libre comercio para producir un ilimitado e suicida crecemento económico que nos levou a sobreexplotar salvaxemente o planeta.   
  
Hoxe a humanidade xa está a usar 1,3 Terras –supera a biocapacidade do planeta, que estaría, loxicamente, nunha Terra– e segundo os prognósticos en 2050 usaremos 2 Terras. Un norteamericano precisa 12,9 hectáreas de Terra para producir todo o que consume e botar os refugallos que xera, mentres que un habitante de Bangladesh usa só 0,56 Terras. 
 
						 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto