Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Medios públicos

A CRTVG precisará tres millóns de euros máis de orzamento

O director xeral da compañía espera, así, compensar a caída de ingresos publicitarios, que conta con que se agrave en 2010.

Redacción - 18:06 29/09/2009

A CRTVG pediralle á Xunta tres millóns de euros máis para completar o seu orzamento. Segundo manifestou o director xeral da compañía, Alfonso Sánchez Izquierdo, prevese que en 2010 a caída de ingresos publicitarios sexa superior á de 2009, que xa acadou os 1,6 millóns de euros.

Sánchez Izquierdo explicou en comisión parlamentaria que a situación de crise económica exixe que a CRTVG dispoña dunha dotación de 127 millóns de euros para "sacar" a compañía do "nivel de descenso" en que se atopa, polo que o importe se destinará a investimento e non a gasto corrente.

O director xeral da CRTVG apostou por "medir tamén a eficiencia" da compañía, aínda que non se rexirá polos mesmos parámetros ca as canles privadas. Por iso, avogou polo "rigor económico" para reducir os custos en 10,5 millóns de euros no segundo semestre, grazas a un "aproveitamento de sinerxías", sen caer na "busca permanente da aceptación do público a calquera prezo" nin ser "unha carga financeira" para a Xunta.

Os voceiros do PSdeG e do BNG na comisión, Xosé Luís Méndez Romeu e Anxo Quintana, criticaron o "derrubamento da audiencia" da televisión pública, fronte ás cotas "históricas" acadadas a comezos de 2009, o que lle atribuíron á xestión do anterior equipo directivo.

Violencia de xénero e medios
A Secretaría Xeral de Igualdade e a CRTVG asinarán en novembro un convenio de colaboración para formar e informar en materia de violencia de xénero. Segundo anunciou a secretaria xeral, Marta González, en na comisión parlamentaria de Sanidade, Política Social e Emprego, o acordo implicará que as informacións inclúan datos sobre recursos de atención á muller e ofrecerase formación continua e asesoramento ás persoas profesionais dos medios públicos. Así mesmo, estabelecerá canles entre os medios e as administracións responsábeis de atender as vítimas.


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: