Os socialistas consideran que a cultura no ente público está en perigo, ao denunciar a desaparición de dous programas, un de literatura e outro de música.
O PSdeG censurou este domingo a "política anticultural" que, ao seu xuízo, pretende poñer en marcha a nova directiva da Compañía de Radio e Televisión de Galiza (CRTVG), xa que suprimirá o servizo de Cultura do ente público.
O voceiro do Grupo Parlamentario Socialista na comisión da CRTVG, Xosé Luis Méndez Romeu, destacou, ademais, que esta decisión coincide co final da emisión dos programas de literatura, e curtametraxes e música, Libro Aberto e Onda Curta.
Segundo Méndez Romeu, estas circunstancias provocan que o resto da programación cultural se atope nunha situación de "preocupante incerteza", polo que adiantou que nos próximos días presentará unha serie de iniciativas. Así, preguntará aos membros da nova dirección "como teñen previsto" satisfacer o papel de divulgación da cultura galega que, como lembrou, "corresponde a un medio de comunicación público".
Ademais, demandaralles unha resposta a respecto da continuidade de programas culturais "consolidados na grella da TVG" como Miraxes, Planeta Cine ou Alalá.