Mesmo aquelas persoas que apoiaron o PP en 2005 pensan que a reforma do texto é 'moi' ou 'bastante necesaria'.
Segundo a enquisa do CIS publicada este xoves, os galegos cren 'moi' ou 'bastante necesaria' a reforma do Estatuto de Autonomía, que se frustrou nesta lexislatura polo bloqueo do Partido Popular. Pensan así o 42% dos enquisados, fronte a un 29% que cre que é 'pouco' ou 'nada necesaria'. A necesidade da reforma é maioritaria entre os votantes dos tres grandes partidos, por suposto entre os nacionalistas (67 fronte a 23 por cento), tamén entre os socialistas (46 fronte a 32 por cento), e mesmo entre os populares (35 fronte a 34 por cento).
Outro dos datos que se extraen do estudo preelectoral é que o 28 por cento dos cidadáns se define como 'nacionalista galego', unha proporción que supera amplamente a porcentaxe de voto que a enquisa outorga ás forzas políticas que se presentan ás eleccións defendendo esta ideoloxía, que descende por debaixo do vinte por cento. Se analizamos as respostas polo recordo de voto dos entrevistados, atopamos que de xeito sorprendente máis dun terzo dos votantes do BNG en 2005 non se recoñecen como 'nacionalistas'. Pero o que seguramente resulta aínda máis sorprendente é que o 27 por cento dos votantes do PSdeG-PSOE si se declaran 'nacionalistas galegos' e tamén o fan o 19% dos votantes do PP.
Os votantes dos tres partidos son 'tan españois como galegos'
Os galegos apostan maioritariamente (55.3%) por manter o Estado das Autonomías exactamente igual que está agora. Esta é a opinión máis común entre os votantes do PP (58%), PSOE (57%), pero tamén nos do BNG (42%). Case un vinte por cento aposta por aumentar as competencias das autonomías; pensan así o 37% dos votantes nacionalistas, o 22% dos socialistas e o doce por cento dos populares. Algo menos, un quince por cento, quere regresar a un Estado centralizado, sen comunidades autónomas, entre eles un de cada cinco votantes do PP. O dereito á autodeterminación é defendido polo tres por cento dos galegos, entre eles o once por cento dos votantes do BNG.
En canto á identificación nacional, os habitantes de Galiza decláranse 'tan galegos como españois' nun 65% dos casos, unha definición que é maioritaria nos tres grandes partidos, mesmo no BNG, onde o 51% dos seus votantes se declara 'tan español como galego'. Son máis os que se declaran 'máis galegos' ou 'só galegos' (25%) que os que se din 'máis españois' ou 'só españois' (9%). En particular, en canto aos que se definen como 'só galegos', apenas no BNG acadan proporcións salientábeis, un doce por cento.