Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Eleccións Galiza 2009

RSS de Eleccións Galiza 2009
ENQUISA DO CIS

O PP inicia a campaña ás portas da maioría absoluta

A sondaxe outorga 35-36 escanos aos populares, 27 ao PSdeG-PSOE e 12-13 ao BNG. A quince días do 1M, as eleccións están abertas.

Redacción - 13:13 12/02/2009
Tags: cis enquisa

O Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) vén de presentar os datos do seu estudo preelectoral dedicado aos comicios do 1 de marzo en Galiza. O títular é que o resultado das eleccións é incerto e que a quince días das eleccións aínda todo pode pasar. A enquisa prevé un leve descenso para o PP, que perdería un ou dous escanos con respecto a 2005, onde obtivo 37 deputados; así é todo, Núñez Feijoo consegue o seu obxectivo de chegar á campaña electoral con opcións. Co resultado que prognostica o CIS Touriño repetiría á fronte da Xunta, cun ascenso de dous deputados. O BNG, pola contra, estáncase e mesmo podería perder un escano e caer até os doce.

PP 35-36 (37) 43.1% (44.9%)
PSdeG-PSOE 27 (25) 33.2% (32.5%)
BNG 12-13 (13) 18.3% (19.6%)
EU 0 (0) 1.5% (0.8%)
UPyD 0 (-) 1.5 (-)
(Entre paréntese, os resultados de 2005)

A nivel global, o PP perdería 1.8 puntos e pasaría do 44.9% obtido en 2005 ao 43.1%. Sobe o PSdeG-PSOE, moi levemente, do 32.5% ao 33.2%. E baixa o BNG, dende o 19.6% do 2005 até o 18.3% que prevé o CIS. En canto aos demais partidos, a enquisa dálles moi escasas posibilidades de entrar no Parlamento, obtendo un 1.5% tanto Esquerda Unida (hai catro anos tivo un 0.8%) como UPyD, e un 1.9% o resto, agrupados como 'outros'.

Por provincias
Por provincias, os socialistas gañarían un escano pola Coruña, que baixaría o BNG; o PP apenas perdería dúas décimas, o PSdeG-PSOE repetiría resultado, mentres que os nacionalistas descenderían case catro puntos. Esquerda Unida obtén aquí o seu mellor resultado, cun 2.1% dos votos, o dobre que en 2005.

En Lugo é o PP o que cae e o seu descenso de máis de tres puntos porcentuais podería facerlle perder o oitavo deputado por esta provincia. Este podería ir para o BNG, que subiría do 15 ao 17 por cento dos votos. Os socialistas perden eses mesmos dous puntos, pero manteñen os seus escanos, e finalmente Esquerda Unida progresaría dende o 0.3% até o 1.8% dos votos.

En Ourense, o CIS asegura que o PP perderá un escano en favor do partido liderado por Emilio Pérez Touriño. Nesta provincia os populares rexistran o seu descenso máis importante, perdendo uns sete puntos, que gañaría principalpente o PSdeG-PSOE, que sobe tres; o BNG repetiría os votos obtidos en 2005.

Finalmente, en Pontevedra o CIS non prevé cambios na distribución de deputados. O PP perdería un punto, que gañarían os socialistas, mentres que o BNG baixaría unhas poucas décimas. O partido de Rosa Díez sería aquí a cuarta forza política, pero apenas acadaría o 1.1% dos votos.

Indecisos
A sondaxe indica que seis de cada dez galegos xa decidiron o seu voto, ou o que o mesmo, que catro de cada dez (38.2%) aínda non o fixeron. Entre as persoas que dubidan, son máis os que o fan entre PP e PSOE (23.6%) e PSOE e BNG (19.6%), e algo menos entre PP e BNG (6.8%), sendo moito menores as porcentaxes atribuídas a outras opcións.

Valoración de líderes
En canto á valoración de líderes, Touriño recibe unha nota media de 5.33 puntos, mentres que tanto Quintana como Núñéz Feijoo caen por debaixo do aprobado, cun 4.60.

Valoración do goberno e desexo de cambio
Sorprende que, malia ao ascenso global dos partidos que integran o goberno galego, a valoración que os cidadáns fan da xestión da Xunta nestes últimos catro anos sexa negativa, ou cando menos 'regular', a resposta maioritaria na enquisa, co 51% do total das opinións. Apenas o 25% dos galegos di que a xestión do bipartito foi 'boa' ou 'moi boa', unha porcentaxe superior, mais non moito á dos que din que foi 'mala' ou 'moi mala', que suman máis do vinte por cento do total. A valoración é moi positiva entre os votantes socialistas (46% de opinións favorábeis), menos nos votantes nacionalistas (só un trinta por cento), e é moi negativa entre os populares (oito por cento de valoracións positivas e 39% de opinións negativas). Sorprende, neste senso, que a maior parte dos galegos (o 50.1%) crean necesario un cambio de goberno, fronte a un 32% que non o cre necesario. Nas persoas que demandan un cambio están, maioritariamente, os votantes do PP (o 88%), mais tamén unha parte importante dos do BNG (47%) e un grupo considerábel dos do PSdeG-PSOE (25%).

Os principais problemas do país
O paro e a economía son os dous grandes problemas de Galiza, citados polo 55 e o 20 por cento dos enquisados, e moi por diante doutros, como a sanidade, a vivenda, ou a agricultura e a gandería, citados por menos do seis por cento das persoas integrantes da mostra. O PSdeG-PSOE é o partido que para os galegos está mellor preparado para xestionar a maior parte dos problemas do país, entre eles o paro, a vivenda, a sanidade e a educación. O PP é, en cambio, o que mellor conduciría a economía, e o BNG o que faría unha mellor política en relación coa lingua.

Trasvase de votos
O PP ten os votantes máis fieis, e o 72,6% dos que o apoiaron no 2005, repetirá nesta ocasión. A porcentaxe diminúe no PSOE e no BNG até o 67 e o 66,7%, e en EU até o 61%. Non hai grandes trasvases de voto entres as grandes forzas políticas, e por exemplo os populares apenas perderían un 3 e un 1 por cento en beneficio de PSOE e BNG; o mesmo sucede entre os votantes socialistas, dos que marcharían o 4 e o 7 por cento a PP e BNG, respectivamente. En canto aos apoios nacionalistas de 2005, un cinco por cento marcharían ao PP e outro tanto ao PSOE. Entre os novos votantes, os tres grandes partidos estarían igualados, con ao redor do vinte por cento dos votos dos máis novos.

Unha enquisa feita hai quince días
A sondaxe, realizada a partir de tres mil entrevistas, foi feita entre o 15 de xaneiro e o 2 de febreiro. É dicir, non recolle a posíbel influencia que no electorado puido ter o cese de Luís Carerra Pasaro, número un dos populares por Ourense. E tampouco, as acusacións que caeron sobre Touriño, polo excesivo gasto institucional, ou sobre Quintana, polas contratacións realizadas por Vicepresidencia. No 2005 a enquisa que publicou o CIS ao comezo da campaña outorgaba entre 34 e 36 escanos ao PP (un pouco menos que esta), entre 24 e 26 ao PSOE (dous escanso menos), e 15 ao BNG (dous escanos máis).

Podes consultar aquí a enquisa completa


4,43/5 (14 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: