Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Galiza2009

Promesas de Touriño para "benestar": duplicación de prazas en galescolas e 50 mil dependentes atendidos

O líder dos socialistas, que acudiu ao encontro sectorial do PSdeG sobre dereitos e benestar, tamén asegurou que en 2009 haberá récord de licitación pública.

Redacción - 09:00 19/01/2009

A gratuidade dos libros de texto a ampliación de comedores escolares ou o incremento de bolsas para a aprendizaxe de idiomas, foron algunhas das "apostas educativas" destacadas polo presidente da Xunta e secretario xeral do PsdeG-PSOE, Emilio Pérez Touriño, durante a súa intervención este domingo no encontro sectorial da súa formación sobre dereitos e benestar.

Pérez Touriño subliñou o incremento de até un 70% no número de prazas de educación infantil desde 2005 e asegurou que a próxima lexislatura Galiza "duplicará" as galescolas e superará "amplamente" a ratio recomendada pola Unión Europea para este treito educativo. "Daremos ese paso de xigante que permitirá axudar á compatibilización da vida familiar e laboral”, afirmou.

Doutra beira, destacou o líder dos socialistas a aprobación durante a lexislatura que agora remata da Lei Galega de Servizo Sociais, "que asume o compromiso de que o que podía ser unha concesión se converte nun dereito reclamábel: a atención as persoas dependentes, que teñen todo o dereito do mundo a ser autónomas e a que as dotemos do necesario para que o poidan ser”. Asegurou Touriño que cara á próxima lexislatura, a atención á dependencia será "unha das prioridades básicas" do próximo executivo. "Asegúrovos que atenderemos 50 mil dependentes en toda Galiza, que verán protexido o dereito que a lei lles dá", explicou ao respecto, indicando que se prevé en tempos de crise que o sector vencellado poida crear até 15 mil empregos.

Ao acto, celebrado no recinto de Palexco, n'A Coruña, asistiron, entre outros, as conselleiras de Sanidade, Educación e Presidencia, o delegado do goberno español en Galiza, o presidente da Deputación d'A Coruña, os alcaldes de A Coruña e Ferrol e numerosos representantes do partido socialista e distintos colectivos e organizacións sociais.

Licitación pública
Por outra parte, e durante unha entrevista na Cadena Ser, o presidente da Xunta avanzou que na próxima lexislatura "o Goberno vai superar o volume de licitación do ano 2008, que xa foi o máis alto da historia da autonomía". "Puxemos mecanismos en marcha que fixeron que este ano fora o ano récord na licitación de obra pública, en infraestruturas e vivenda, e xa lle podo anunciar que no inicio da próxima lexislatura imos superar, estou convencido, e estamos facendo os cálculos e previsións, o volume de licitación que tivemos este ano, o máis alto da historia", indicou.

Entre outros, citou Touriño os compromisos da posta en marca "xunto coas infraestruturas de transporte, de grandes operacións de infraestruturas hospitalarias, a través do Hospital Único de Vigo, o Complexo Hospitalario de Pontevedra e o de Ourense" e referiuse tamén ás "melloras do Juan Canalejo", agora denominado Hospital d'A Coruña.


1/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: