O vicepresidente da Xunta tamén coloca a reforma da lei da CRTVG como "un dos primeiros compromisos" a executar a vindeira lexislatura.
Á vez que esixía da industria que se manteñan os postos de traballo, subliñaba este domingo o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, que "para iso é para o que se dan os fondos públicos". Na opinión do tamén voceiro nacional do BNG, o sector da automoción debe demostrar no actual escenario "un esforzo da mesma magnitude que o que está a facer o Goberno" para enfrontar a crise e garantir os postos de traballo.
"Non pode ser que despois dos fondos públicos recibidos e do traballo que o Goberno fai en favor do sector que a industria responda cada semana coa posibilidade dunha nova regulación de emprego", reflexionou Quintana ao respecto da situación. Salientou o vicepresidente que o executivo pretende xustamente "manter os postos de traballo" a través do investimento deses fondos públicos. Respondía Anxo Quintana así á "preocupación xeral" para situación de Citroën e a crise do sector da automoción en Galiza, sinañando que a empresa e as súas industrias auxiliares son “a columna vertebral do sistema económico galego".
Por outro lado, en entrevista na Radio Galega, o vicepresidente da Xunta asegurou tamén que a reforma dos medios públicos será un compromiso a levar adiante no inicio da próxima lexislatura. Quintana laiouse de que non fose posíbel cumprir con ese proxecto, asinado no propio acordo de goberno de PsdeG e BNG, durante a lexislatura que agora remata.