A morte do cabo vigués únese a unha lista que tivo un dos momentos máis tráxicos en 2005 cando dez soldados galegos da base de Figueirido morreron nun helicóptero derrubado.
Fora considerado oficialmente como un accidente, malia que un grupo talibán reivindicou no seu momento o presunto ataque. Dez galegos ían no helicóptero do exército español que se foi ao chan aquel agosto de 2005 causando a morte dos dezasete militares que viaxaban nel.
Antes diso, e tamén relacionado coas operacións en Afganistán, acontecera o polémico accidente do avión Yakolev, caído en Turquía cando volvía dunha misión militar en terras afgás. Un caso que abriu un longo proceso nos xulgados onde se viu implicado o daquela ministro de Defensa, o popular Federico Trillo. Naquel avión sinistrado onde morreron 62 militares ían tamén catro soldados galegos.
Finalmente, e antes do falecemento esta fin de semana do cabo vigués Rubén Alonso Ríos, hai ano e medio producíase tamén a morte de Idoia Rodríguez, veciña de Lugo, no ataque a un convoi militar que, ao igual que o deste domingo, trasladaba militares no contorno da zona de Herat. Ademais, o brigada Juan Andrés Suárez García, falecido esta fin de semana, aínda que nado en Mieres, estaba casado cunha galega e vivía en Carballo desde hai dez anos.