Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Mentres levantan as vías de proximidade

A ministra de Fomento vén facer foto malia a ausencia de novidades co TAV

Ao tempo, os socialistas acusan o PP de "traizón" por presentar unha emenda no Congreso para reducir os orzamentos do TAV a Galiza.

Redacción - 09:00 03/11/2008

Hai poucos días que Renfe confirmaba que non aposta polo tren de proximidade en Galiza. Era unha estratexia recoñecida polo presidente de Renfe, José Salgueiro, na comisión de Fomento do Congreso, onde cualificaba de "practicamente imposíbel" a introdución de servizos de proximidade e xustificaba a posición nunha suposta falta de demanda. Na práctica, co levantamento de vías denunciado e documentado pola Plataforma Salva o Tren, Renfe xa dera mostra de que non aposta polo tren no país máis aló da alta velocidade. Daquela, o propio presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, admitira que se trataban de declaracións "pouco afortunadas" do responsábel da empresa pública.

No entanto, segue sen haber novidades ao respecto dun cambio de criterio neste asunto, mentres as únicas informacións que Fomento proporciona ao respecto do tren en Galiza teñen que ver co Tren de Alta Velocidade (TAV). Así, a ministra Magdalena Álvarez chega este luns outra vez ao país, nesta ocasión para asistir ao abatemento dos semiarcos do viaduto do Deza, na liña do TAV entre Ourense e Santiago. Álvarez estará acompañada polo presidente do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif), Antonio González, e na foto aparecerán tamén o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, a conselleira de Política Territorial, María Xosé Caride e o delegado do goberno español en Galiza, Manuel Ameijeiras.

O PP pide reducir investimentos ao TAV
Por outro lado, a cuestión ferroviaria foi tamén noticia os últimos días pola polémica emenda coa que o grupo do PP no Congreso solicitaba o recorte do investimento da liña de alta velocidade que chega a Galiza. Unha posición que o voceiro do PsdeG no Parlamento, Ismael Rego, cualificou de "gravísima".

Rego acusou o PP de "darlle moito ao pico e nada á pala, xa cando gobernaban en Galiza e España". Na súa opinión, o acontecido agora no Congreso é un novo exemplo de que "a alta velocidade a Galiza nunca entrou nas súas previsións". Así, en declaracións este domingo a Radio Lugo, Rego cualificou de "traizón grave" a emenda presentada polo PP en Madrid. No mesmo sentido, a secretaria de Organización do PSdeG, Mar Barcón, definiu de "sabotaxe" a petición do PP para que os orzamentos xerais do Estado reducisen á metade a partida de 254 millóns de euros para o TAV entre Lubián e Ourense.

Feijoo pide data concreta para o TAV
Ao fío, o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, xustificaba este domingo que coas emendas do PP Galiza contaría no total "con 370 millóns de euros máis de investimentos", e insistiu en que as promesas do TAV non se poderán executar en 2009.

De paso, Feijoo insistiu na necesidade de que a ministra de Fomento "dea unha data" para a chegada do TAV a Galiza. "Como vai estar en 2012 o 100% do tramo Lubián-Ourense se aínda non comezaron as obras dos 330 quilómetros entre Ourense e Medina?", preguntou.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: