Os sindicatos prevén perdas de postos de traballo e a perda de influencia das estacións de Lugo e A Coruña, ademais do prexuízo para os usuarios.
Será a partir do vindeiro día 15 deste mes. Renfe decidiu suprimir o Talgo que realizaba a ruta entre A Coruña e Barcelona, un percorrido que até o de agora se vén realizando entre as dúas cidades os luns, mércores, venres e domingos, con saída ás 7 da mañá e chegada ás 11:30 da noite. No seu traxecto pasa polas estacións galegas de Betanzos, Curtis, Guitiriz, Lugo, Sarria, Monforte, Quiroga, A Rúa e O Barco. Porén, Renfe vén de decidir a eliminación deste servizo para substituílo por un novo tipo de tren, o Alvia, que supostamente é máis moderno e ademais, pode circular polas vías de anchura española, e tamén polas futuras vías do AVE (que terán a medida internacional). Pero este novo ferrocarril non sairá dende A Coruña, senón de Vigo, e non pasará pola cidade de Lugo, onde colectivos sociais, políticos e veciñais xa alzaron a súa voz na contra da súa supresión.
O obxectivo é reducir o tempo da viaxe: que pasará das 16 horas e media actuais a 14, é dicir, neste traxecto aforraríase unha hora e media. Así, aqueles viaxeiros de Lugo ou A Coruña que queiran subir ao novo Alvia deberán facer un transbordo en Monforte, xa que Renfe porá en marcha un novo servizo A Coruña – Lugo – Monforte, cuns horarios coordinados co que viaxa para Barcelona. O número de usuarios diarios deste servizo ascenden actualmente a 300, dos que uns 25 fan o traxecto completo.
Nin AVE nin conexión interior
O sector ferroviario de Comisións Obreiras xa denunciara hai un mes as intencións de Renfe de suprimir o Talgo, intencións que xa daquela foran negadas pola compañía. Un dos seus voceiros, Ramiro Otero, considera que esta decisión suporá un prexuízo claro para os usuarios, que terán que coller dous trens para facer o mesmo percorrido que antes facían cun só. Pero ademais, prevé a perda de influencia das estacións polas que deixará de pasar o tren, como a de Lugo, e a afección aos postos de traballo. Neste eido, agárdase a perda de postos vencellados co mantemento das estacións, coa súa limpeza ou coa venta de billetes. Precisamente neste sector está prevista unha folga laboral a curto prazo, reivindicando a continuidade das ocupacións.
Ademais, dende este sindicato denuncian que o cambio de tren non obedeza a unha verdadeira modernización, xa que, segundo CCOO, o que se fará é aproveitar o material xa empregado noutras comunidades, fundamentalmente do Mediterráneo. A alternativa que promoven dende estes eidos é a de manter a liña e incrementar a frecuencia dos trens, así como a súa conexión con outras estacións. Ramiro Otero lamenta que o único debate actual se manteña sobre o ano de chegada do AVE, mentres se está a desmantelar o servizo existente e a rede interior de ferrocarrís. Reclaman o apoio da Xunta e dos grupos políticos para evitar esta reorganización do sistema de trens e adiantan que a seguinte supresión será a do expreso Ferrol – Madrid.
Ademais dos sindicatos, outros colectivos xa se adiantaron a criticar a supresión do Talgo. En Lugo, unha das cidades máis afectadas, o BNG, xa lamentou a decisión e reclamou conexións directas con Madrid, Barcelona e Oporto, así como a modernización da rede interior. No mesmo sentido se manifestaron organizacións empresariais, comerciais e veciñais.
Opinión de Renfe
Doutra maneira ven as cousas dende Renfe. Dende a empresa reiteran que a eliminación deste servizo non é máis que para mellorar a súa calidade e recordan que o tempo de viaxe se reduce considerabelmente. Recoñecen que será necesario un transbordo en Monforte, pero entenden que será ben aceptado polos usuarios a cambio de restar case dúas horas ao traxecto.
En canto ao custe que terá a viaxe no novo Alvia entenden que se encarecerá para aqueles usuarios que sobrepasen León, porque este traxecto xa empregará a liña de alta velocidade, de aí que o mesmo percorrido se faga en menos tempo. Os billetes para este novo tren Vigo – Barcelona xa se poden mercar na web de Renfe, sen embargo, aínda non están a disposición os do traxecto A Coruña – Lugo – Monforte, necesarios para os transbordos daqueles que non parten de Vigo, aínda que nos aseguran que se porán á venta en breves. Finalmente, no referente á perda de traballos, Renfe asegura descoñecer o tema, xa que dependería do Adif. Igualmente, entende que o seu obxectivo é o de ofrecer un mellor servizo aos usuarios, e considera que se conseguirá coa substitución do Talgo polo Alvia.