Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A asociación Trabalingua preséntase en sociedade cunha xornada de conferencias sobre as TIC en Galicia

A Asociación Trabalingua é unha asociación de estudantes da Universidade de Vigo que naceu o ano pasado coa finalidade de unir a todos os universitarios na defensa do galego, independentemente de calquera ideoloxía. Con esta a conferencia sobre a Asociación PuntoGal e a Axencia Estatal de Radiocomunicacións a asociación pretende presentarse na escola de enxeñeiros de telecomunicación ao mesmo tempo que dá a coñecer esas dúas iniciativas nas que o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG) tivo moito que ver.

Enviada por Anxo_Bama Anxo_Bama o 19/02/2010 19:39

Trabalingua é unha asociación de estudantes da Universidade de Vigo que, tras un ano de traballo, preséntase agora en sociedade cunha xornada de conferencias na que se afondará na importancia que ten para Galicia a Axencia Estatal de Radiocomunicación ao tempo que se achegará ao público a iniciativa da Asociación PuntoGal a prol dun domino en internet galego.
Os membros de Trabalingua teñen en común o seu interese pola situación da lingua galega, non en van, a asociación xorde tras a celebración das primeiras Xeiras sobre a lingua en abril do 2009 organizadas polos Comités. Os seus obxectivos son promover o uso do galego no eido universitario e fomentar a normalización lingüística nos ámbitos culturais e sociais. O seu ámbito de actuación, "polo momento", segundo explica o seu responsable, Anxo Tato Arias, é o campus de Vigo.

Debate sobre a Axencia Estatal de Radiocomunicación e a Asociación PuntoGal.

Tras varias iniciativas en colaboración coa Área de Normalización Lingüística da Universidade desenvoltas nos últimos meses, a asociación organiza este martes 23 de febreiro na ETS de Enxeñeiros de Telecomunicación unha xornada de conferencias na que se afondará, por unha banda, na importancia que tería para Galicia ser a sede da Axencia Estatal de Radiocomunicación e, por outra, na Asociación PuntoGal e a ICANN. O profesor do Departamento de Telemática, Manuel Fernández Iglesias, ofrecerá un relatorio sobre A Axencia Estatal de Radiocomunicación como unha oportunidade para Galicia e unha oportunidade para os enxeñeiros de Telecomunicación galegos. Trátase de apoiar a demanda do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG) para que a axencia se localice na nosa comunidade, unha iniciativa que xa conta co apoio do Parlamento galego e que suporía, no caso de facerse efectiva "un pulo importante ao sector galego das TIC e a creación de postos de traballo neste campo", explica Anxo Tato.
Posteriormente desenvolverase un segundo relatorio sobre a Asociación PuntoGal e a ICANN, da man de Camilo Regueiro, vicepresidente de PuntoGal, que explicará a candidatura para a consecución dun dominio en internet para Galicia e exporá o funcionamento do ICANN, "organismo internacional que se encarga de autorizar e recoñecer os dominios, asignar o espazo de enderezos numéricos de protocolo de internet (IP) e de outorgar estes dominios".

Vai de premios
Actualmente a asociación ten tamén en marcha un concurso literario aberto a relatos curtos, poemas, traducións, ensaios ou artigos xornalísticos co prazo de presentación aberto ata o 31 de marzo. Ata o de agora xa hai máis de 35 candidatos ao premios. E non como organizadores, senón como participantes, Trabalingua fíxose co primeiro galardón do Premio Luisa Villalta. Este certame, organizado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela, a Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, chegaba a súa sexta edición premiando as Iniciativas Normalizadoras. Así, desta volta Trabalingua foi a galardoada polo seu proxecto de nova asociación e a campaña normalizadora desenvolta no San Teleco, así como por outras pequenas accións realizadas anteriormente e os proxectos futuros. Foron os gañadores na modalidade A, o premio ao deseño dunha acción normalizadora que desenvolva unha iniciativa orixinal que teña como obxectivo fomentar o uso do galego no ámbito universitario.

Noticia tirado do DUVI, Diario da Universidade de Vigo


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



A asociación Trabalingua preséntase en sociedade cunha xornada de conferencias sobre as TIC en Galicia