Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Toneladas de herbicidas inundan as estradas galegas

fumigasona.jpg7 de xuño de 2007. Toneladas de herbicidas tóxicos son usadas indiscriminadamente para limpar de vexetación centos de kilómetros de estradas galegas. Malia a que a lexislación vixente permite esta práctica, ADEGA quere chamar a atención dos responsábeis públicos sobre os problemas ambientais derivados do uso destas substancias. A práctica de evitar o crecemento da vexetación herbácea das cunetas mediante o uso masivo e indiscriminado de herbicidas comporta máis efeitos negativos que positivos. As administracións deberían pois abandonar este sistema e substituilo polo rozado mecánico.

 

Enviada por ADEGA ADEGA o 07/06/2007 10:43



  Neste caso, o remedio pior que a enfermidade: a cambio de evitar rozados máis frecuentes conquerimos espallar unha persistente contaminación química por todo o país. Ademáis, non solucionan o problema do mato: a vexetación morta que permanece nas cunetas supón un importante risco para a extensión dos lumes, ao producírense incineran as prantas e espallan os compostos tóxicos dos herbicidas tamén no ar.
  O emprego de substancias como o glifosato da marca ROUNDUP coñecido vulgarmente como “Randón”, composto por químicos persistentes no medio, comporta o risco de que estes poidan pasar á cadea alimentar através da inxesta de herba polos animais domésticos e chegar ao ser humano, xa que o rociado de cunetas non discrimina os cultivos situados ao pé das estradas. Mesmo temos documentado casos nos que o mato fumigado se apaña para alimentar ao gando.
  Neste senso, a utilización destes herbicidas, aínda que permitida pola lei, resulta perigosa e debería ser evitada polas administracións públicas. Numerosas estradas galegas amosan o uso destas substancias pola anormal cor amarela do mato das cunetas. Algúns exemplos son: a N-525 entre Santiago e Ourense, numerosas estradas da Deputación da Coruña na Costa da Morte, estradas autonómicas en Porto do Son, estradas locais en Lousame, tamén RENFE usa habitualmente herbicidas nas vías do tren...  Todas as administracións están usando masivamente estes produtos, ningunha se libra.
  As administracións públicas deberían ser as primeiras en dar exemplo de responsabilidade ambiental, comprometéndose coa sustentabilidade e as boas práticas ecolóxicas. No entanto, a persistenza destas actividades é un exemplo de desleixo, insustentabilidade e irresponsabilidade polo risco que conlevan, e amosa un feble compromiso coa saúde e o ambiente.
  Dende ADEGA solicitamos que cese este uso de herbicidas, e a súa substitución por métodos de rozado mecánico que ademáis de ser inocuos, crian máis postos de traballo.
  Na páxina web de ADEGA os cidadáns poden enviar información actualizada sobre as estradas afectadas e mesmo achegarnos fotos (através do correo adega@adega.info) para documentar graficamente o emprego de herbicidas nas estradas. O obxectivo é coñecer cal é o alcance e a magnitude do problema, xa que ADEGA está recibindo continuas chamadas que informan do uso indiscriminado e masivo destas substancias.


4,5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: