Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Bilingüismo á carta

enviar noticia abrir debate como vai isto
Edición xestionada por ti
RSS de Bilingüismo á carta

Bilingüismo á carta

Escoito con satisfacción e leo con agrado nos diversos medios de comunicación a proposta do novo Conselleiro de Educación de separar aos alumnos por aulas segundo o idioma que falen, galego ou castelán. 

Enviada por redaccion redaccion o 24/05/2009 12:10

A finalidade de dita proposta é garantir por unha banda a liberdade dos pais para escoller o idioma en que deben ser educados os seus fillos, e por  outra preservar o dereito do profesorado a impartir as súas materias no idioma en que lles peta. Pois ben, en aras de dita liberdade lingüística, quixera pedirlle ao Presidente da Xunta e á Conselleira de Sanidade que fagan extensiva esta novidosa proposición ao ámbito sanitario de modo e maneira que os doentes teñan dereito a seren atendidos no idioma que desexen e os médicos poidamos diagnosticalos e tratalos no idioma que queiramos. O desenvolvemento do proxecto sería moi similar. Dividiríanse os usuarios do Servicio Galego de Saúde en galegofalantes e castelanfalantes e, segundo a lingua escollida, serían asignados a un determinado cupo médico. Eu son un Pediatra de Atención Primaria e falo cos meus pequenos indistintamente o galego e o castelán, mais a pesares de ter nacido en Zamora debo recoñecer que prefiro utilizar na miña consulta o idioma de Rosalía e Castelao e, sen poder evitalo, empatizo mais facilmente con aqueles nenos que tamén o falan. Pola contra, a miña benquerida compañeira de traballo, a pesares de ser viguesa de nacemento e dominar igualmente ambos os dous idiomas, gusta de expresarse na lingua de Cervantes ou Quevedo. Pois ben, a miña petición á Conselleira de Sanidade é que redistribúa e axuste os nosos cupos de tal forma que tanto os nenos como os seus pais e mesmo os sanitarios poidamos vivir a pediatría dentro dunha “amabilidade lingüística” que faga mais agradable o noso traballo.

Como o lector avezado xa terá deducido, este irónico escrito non é mais que unha pequena reflexión sobre o absurdo da proposta da Consellería de Educación, apoiada co seu silencio polo Presidente da Xunta, e sobre o fácil que é camiñar pola senda equivocada cegados polo éxito electoral e enxordecidos polas aclamacións dos mais fanáticos.

Artigo enviado por Manuel Caramés, pediatra do Barco de Valdeorras


5/5 (47 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: