Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Os xornalistas protestarán o 26 de maio contra os despedimentos

O Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) comeza unha campaña para denunciar os despedimentos e a precariedade no sector da comunicación co lema 'Máis despedimentos, menos información'. Como primeira iniciativa, o SXG xa está a repartir gratuitamente centos de camisolas entre os profesionais do sector.

Enviada por SXG SXG o 18/05/2009 23:54

Trátase de que os informadores leven esta prenda ás roldas de prensa e actos do martes 26 de maio. O obxectivo é concienciar á sociedade que de seguir a precarización dos informadores perigan non só postos de traballo, senón a pluralidade e a calidade das noticias.

Dezaseis empregos en perigo no Diario de Pontevedra

Cómpre lembrar que, segundo datos recollidos polo SXG entre os seus afiliados, case o 70 por cento dos medios de comunicación do país non renovaron contratos ou despediron traballadores nestes meses.

Así sucedeu, cando menos, en Europa Press, Radio Líder, Qué! Vigo, Qué! A Coruña, Diario de Pontevedra, Galicia Hoxe, Ser Coruña e ADN. Máis casos poden producirse no Diario de Pontevedra, onde a empresa -propiedade do Grupo El Progreso- xa anunciou que tentará eliminar 16 postos de traballo.

Preguntas nas roldas de prensa do próximo martes
Ante esta continúa sangría, o SXG anima aos xornalistas a preguntar nas roldas de prensa de mandatarios políticos e sociais ese 26 de maio sobre as medidas a tomar para rematar coa precariedade e os despedimentos no sector da comunicación; máis cando xa están aprobadas axudas públicas para o mantemento do emprego en actividades como, por exemplo, o automóbil, o leite ou a construción.

Búscase así concienciar aos políticos da alarmante situación que sofren moitos dos compañeiros. Profesionais dos que os mandatarios dependen para facer chegar as súas mensaxes aos cidadáns.

Puntos de distribución das camisetas

Todos aqueles, afiliados ou non, que queiran unha das camisetas 'MÁIS DESPEDIMENTOS MENOS INFORMACIÓN' poden pedilas ao Sindicato nos seguintes teléfonos:

A Coruña: 609810541
Lugo: 982254510 / 982227512
Ourense: 616877479
Santiago: 625310983 / 690100430
Pontevedra: 649055797
Ferrol: 658486792
Vigo: 609213865

O sindicato fai ademais un chamamento ao resto de organizacións sindicais e profesionais a participar nesta acción. Só deste xeito lograrase limitar que as empresas, coa escusa da crise, sigan a facer aínda máis precarias as condicións laborais. Por iso convida ao resto de sindicatos a sumarse a esta nova campaña.

Bolseiros e Inspección de Traballo
Por último, o SXG lémbralle ás universidades a súa responsabilidade. As facultades da Coruña, Santiago e Pontevedra están a ultimar unha nova e masiva convocatoria de prácticas. De novo centos de estudantes serán destinados a ocupar os postos de traballo de profesionais despedidos.

Por iso o Sindicato demándalles que extremen os controis para asegurarse que os alumnos non son empregados para substituír as labores dos profesionais. Ademais, o SXG reservase o dereito de denunciar ante a Inspección de Traballo as posíbeis irregularidades das que teña coñecemento. Cómpre lembrar que o obxectivo das prácticas, segundo marca a lei, é formar aos alumnos e non aproveitarse deles.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: