Nun espazo no que con regularidade cada ano o rural máis o interior arxentino amosan aos porteños as pegadas do seu desenvolvemento no agro e na gandaría, maquinaria e animais, hoxe é fogar da cultura onde fican os libros e expóñense as ideas, a feira do libro de Bos Aires, máis o eido das letras galegas, convértense nun refuxio e unha forte defensa do nome de Galicia, neste oco do mundo dende o día vinte e cinco até o vinte e nove do mes de abril, a feira que veu pasar aos persoeiros da edición, a escrita e a arte galega, aínda semella tender unha ponte entrambas-las dúas, a Galicia nai e a que está neste lado do mar.
Coa temperatura abafante dun verano serodio na cidade de Bos Aires, milleiros de persoas achéganse á feira internacional do libro na coñecida Sociedade Rural, na barriada de Palermo, a carón da praza Italia, nun espazo no que con regularidade cada ano o rural máis o interior arxentino amosan aos porteños as pegadas do seu desenvolvemento no agro e na gandaría, maquinaria e animais, hoxe é fogar da cultura onde fican os libros e expóñense as ideas, mailos seus autores nalgún caso.
Sen as obrigas ou as presas dun día laboral coma é habitual o 1 de maio, festivo do día do traballo, as persoas percorren a mostra cun devagar canso, que muda arrepiante canda atopan algún dos autores, co xeito de arrincarlle a sinatura nun libro que levan del no seu peto, voltando logo na busca dos bos prezos nas rebaixas e mercar outros libros máis, escoitar as conversas, falar cos escritores ou debatendo afervoadamente deica os faladoiros.
A data do día do traballador é razón dunha longa conversa ao respecto da loita obreira, as traizóns dos ideais da revolución de maio de 1810, ca non reflicten na historia oficial, as eivas da escravitude sobre os indíxenas, poboadores orixinais das terras asoballadas polo conquistador. A controversia coa historia, aínda a recente, centrou moitas paroladas, a ollada de diferentes escritores aos protagonistas dos movementos violentos na Arxentina dos anos setenta, a actualidade dos "muros" contra-la inseguridade no país.
Nestes tempos nos que a lingua galega coma único medio para fornecer a pertenza ao pobo e a cultura do noso país que arestora está no perigo da desaparición polos agoiros do novo goberno, agochando unha teimuda defensa do castelán coa escusa da nomeada "liberdade lingüística", a feira do libro de Bos Aires, máis o eido das letras galegas, convértense nun refuxio e unha forte defensa do nome de Galicia, neste oco do mundo, no latexar da súa lingua e cultura.
Así pois nas datas dende o día vinte e cinco até o vinte e nove do mes de abril, a feira viu pasar aos persoeiros da edición, a escrita e a arte galega, o día vinte e cinco, sinalado coma o Día de Galicia, o espazo do salón Jorge Luís Borges acolleu ao narrador, ensaísta, editor e director xeral da editorial Galaxia Víctor Freixanes, ao mestre e escritor lucense Xavier Docampo, a escritora e investigadora arxentina de orixe galega María Rosa Lojo, quen fincaron o protagonismo das letras galegas nesta cidade da emigración e o impulso á formación, xunto ás outras colectividades que chegaron ao país austral nos anteriores séculos, da identidade arxentina, aínda semella tender unha ponte entrabas-las dúas, a Galicia nai e a que está neste lado do mar.
De seguido coa programación, o día vinte e seis no salón Roberto Arlt, haberá un obradoiro de debuxo coa presenza do narrador Xabier Docampo máis o ilustrador e deseñador gráfico Xosé Cobas, no seguinte día vinte e sete na sala Adolfo Bioy Casares, levarase adiante unha homenaxe ao libreiro Francisco Gil coa participación entre outros do medico e escritor Antonio Pérez Prado e o xornalista Carlos Penelas, o vinte e oito enchera a palestra do salón Alfonsina Storni o artista plástico Xosé Cobas quen falara da "Da percepción a través dos sentidos", a devandita programación remata o día vinte e nove na sala Domingo Faustino Sarmiento coa presentación "Letras de Galicia" antoloxía e narrativa, na que terán parte o contista infantil Xabier Docampo, o debuxante Xosé Cobas e a narradora oral e psicóloga social, Gabriela Deza.
Algúns dos nosos escritores e artistas, foran convidados a un encontro literario no mitolóxico café Tortoni, onde preto de cincuenta persoas xuntáronse, para-la lectura da obra do poeta cambades Ramón Cabanillas, co gallo das cinco décadas do seu pasamento e manter unha conversa cos outros autores presentes na feira. O escritor Freixanes destacou a boa saúde cultural da Galicia exterior ca aínda que fica lonxe mantense informada e participa no desenvolvemento da cultura da terra nai, fixou o libro coma sementeira da cultura e engrenaxe mestra da maquinaria co que esparexer a lingua e a identidade galega.
Subliñou a necesidade de daren pulo dende a Consellaría de Cultura da Xunta de Galicia, nas vindeiras edicións da feira, seica 2010 ou 2011, e adicarlle un espazo de tempo cun xeitoso programa de accións, a maiores dunha xornada, nos que a cultura galega poida desenvolver unha semana enteira inzada de acontecementos coa meirande participación dos galegos da Arxentina. Gabou a tarefa do Instituto Arxentino de Cultura Galega na angueira do espallamento da escrita dos autores galegos, os anellos máis os da actualidade, presentes nos andeis da feira porteña.
Ao abeiro da mostra, nun encontro dos editores e libreiros, falouse do futuro do libro electrónico, verdadeira ameaza de morte ao libro impreso, os editores agoiraron a falla deste aparello e sinalan que o alcumado "e-book" convivira co libro clásico moito tempo, así e todo pensan que o libro en papel xamais desaparecera. Así e todo o editor de Xerais, Manuel Bragado salientou o feito que o libro dixital fica xa no mundo e non serán eles quen de adiar o seu desenvolvemento, no futuro ambos-los dous medios existiran xuntos, afirmou. Outra faciana da cuestión e a que reflicte aos dereitos de autor, os persoeiros das editoriais botaron as queixas aos xigantes da internet polo incumprimento da lei da propiedade intelectual, coa subida á rede dos contidos que deixan o acceso ceibe ás edicións recentes, e a súa descarga de balde.
A Asociación Galega de Editores amosou polo seu voceiro, o escritor Víctor Freixanes, a certeza do futuro do libro en papel, abofé a convivencia cos novas tecnoloxías na seguridade da sinatura dos diversos acordos cos xeradores de contidos no eixido dos "e-book", a prol dunha normativa que asegure os dereitos da propiedade intelectual. O colectivo de libreiros expuxo a súa inquedanza pola eivas da crise e a mingua do oito por cen na venda de libros durante o ano 2008, así como os atrancos do proceso da adaptación dos libreiros ao libro electrónico.