Día de
loito para o Patrimonio Cultural de Galiza. Na mañá do Día Mundial do Medio Ambiente,
a necrópole da Mourela foi arrasada por dúas escavadoras. Sen facer públicos os traballos arqueolóxicos sobre o Circulo Lítico, sen estudar outras alternativas ao trazado previsto, sen valorar a posibilidade de construir un túnel por baixo da necrópole como propuña ADEGA, e sen termos constancia de que a D. X. de Patrimonio dera o visto bo, a CPTOPV arrasou o monumento, enclave crucial do megalismo galego. Rematan así 5.000 anos de historia do Círculo Lítico da Mourela.
ADEGA e a
Plataforma pola Defensa do Patrimonio das Pontes esiximos
responsabilidades por esta desfeita.
COMUNICADO de ADEGA e a Plataforma pola Defensa do Patrimonio das Pontes A Asociación Ecoloxista ADEGA e a Plataforma na Defensa do Patrimonio das Pontes queren facer público o seguinte:
O día 5 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente, as consellerías de Cultura e Política territorial borraron dun plumazo o Círculo Lítico da Mourela, no concello das Pontes de García Rodríguez. A media mañá varias máquinas entraron no xacemento destruindo a súa superficie. Alén disto a situación na que quedan as tres mámoas da necrópole é insostíbel, dado que unha gabia de máis de 50 metros de profundidade atravesará este conxunto pola metade.
Ante esta situación, cremos que se repetiron os erros do pasado e non se fixo ningún intento por parte da Administración por dar transparencia a esta destrucción. Ignorouse ademais a alternativa da execución dun túnel presentada polas nosas organizacións, que no mes de novembro de 2006 contaba co apoio da Dirección Xeral de Patrimonio, que confiaba nesta alternativa como solución á destrucción.
Hai que sinalar que a Lei do Patrimonio Cultural Galego esixe a formulación e o estudo de tódalas alternativas existentes denantes de destruir o patrimonio. Cremos que no caso da Mourela a Lei non estivo vixiante.
A decisión de construir un túnel que salvagardara a necrópole megalítica non era unha cuestión económica nin legal, era unha decisión política, polo que consideramos que a Administración tomou o camiño equivocado. Por isto dende ADEGA e a Plataforma, pedimos a demisión do Dir. Xeral de Obras Públicas D. Manuel Morato, por non estudar a alternativa existente e coaccionar á Dir. Xeral de Patrimonio, na toma desta decisión. Logo de apoio público da Dir. Xeral de Patrimonio á alternativa do túnel lamentamos profundamente que o seu director xeral D. Felipe Arias, non tivese a entereza suficiente para esixirlle á Dirección Xeral de Obras Públicas a valoración e o estudo da alternativa do túnel e en consecuencia pedimos que os responsábeis desta situación, demitan.
Ademais aproveitamos este comunicado para anunciar a activación dun dispositivo de loita activa contra a especulación do noso patrimonio arqueolóxico, que inclúe medidas de carácter social e legal.
Durante os vindeiros días anunciaremos as diferentes movilizacións que se producirán como repulsa a este atentado patrimonial. Hoxe é un día triste para a arqueoloxía en Galiza, mais tamén o é para a Cultura Galega. Os veciños e veciñas das Pontes non aturararán máis destruccións do noso Patrimonio: coas nosas mans conseguiremos virar o rumbo desta nave da sinrazón e por a nosa proa na dirección axeitada, para que remate dunha vez por todas a especulación co noso Patrimonio Cultural.