Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Curuxás. O guerrilleiro que non cazou Franco

  Ao abeiro das actividades arredor do día da República 2009, organizadas pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, a casa museo Casares Quiroga acolleu a presentación do libro "Curuxás. O guerrilleiro que non cazou Franco", o autor Carlos Parrado convidou a mergullarse no libro dunha lectura doada pola escrita sinxela, nas preto de 294 paxinas, e que remata cunha aquelada serie de notas finais, ás que suxiren os diferentes relatorios, máis unha coidada documentación gráfica

Enviada por osimon osimon o 22/04/2009 20:05

  Ao abeiro das actividades arredor do día da República 2009, organizadas pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña , hoxe vinte e un de abril a Casa Museo de Casares Quiroga na rúa Panaderas da cidade da Coruña, acolleu a presentación do libro "Curuxás. O guerrilleiro que non cazou Franco", coa presenza do seu autor, Carlos Parrado, a Concelleira de cultura María Xosé Bravo, aínda persoeiros da CRMH da Coruña, a editorial Edicións A Nosa Terra, entre outros.

O editor Henrique Acuña, salientou a forte pegada da obra quen pon a Ramón Varela nunha actitude senlleira na resistencia á ditadura, o libro é a achega do autor ao estudo da guerrilla antifranquista en Galicia, máis a loita contra-lo fascismo, produto do traballo de investigación de Carlos Parrado, feita de seu, colleitando información oral cos participes inda vivos e nos arquivos militares, ca é onde saen as historias coma a de Ramón Rodríguez Varela, alcumado Curuxás.

Gabou o autor a figura do guerrilleiro, do que tiña lembranzas dende a nenez, para logo atoparse coa nova da súa morte en Vilamor no ano 1967, a viaxe ao velorio co sinal da complicidade da veciñanza, ca aínda saber ben de quen era amosaban non coñecelo, non por medo, se non por complicidade. Anos despois nunha taberna deu coa folla dun xornal onde aparece a nova da morte de Curuxás, o que segundo Carlos Parrado é a proba que máis que a sabedoría, foi a sorte quen de axudarlle nas pescudas.
...Cando a parella da garda civil chegou a Silverde, o morto estaba rodeado por un bo número de veciños, que aínda que a maioría deles sabían ben quen era o finado, manifestaron non coñecelo...
...pero non enterraron trinta anos de loita e resistencia ao franquismo. Curuxás seguiu vivindo convertido definitivamente en lenda...

Na continuidade do relatorio, sinalou o ensaísta o compromiso de Curuxás coa loita antifranquista, a súa faciana de heroe na defensa dos seus amigos, seica ser unha persoa moi receada, malia con moita habelencia "o que vía cos ollos facíalo cos mans" subliñou. Percorre logo a conversa do autor, a andaina do Curuxás polas minas de San Fins en Lousame e logo do alzamento do ano 1936, a fuxida nos fouciños dos gardas civís en dúas quendas, a ultima no ano 1941.
...Varela, cuberto cun sombreiro de palla estaba arrimado á parede exterior da cantina da mina aproveitando a sombra que esta lle proporcionaba, Antonio Calvo o capataz da mina tivo a mala idea de lle poñer a punta dunha navalla "mariposa"debaixo da barbada dicíndolle: Tu nunca acojonaste a nadie como yo te estoy acojonando a ti? "Yo, repúxolle o mineiro, soy hijo de unos padres bien educados en mi casa nunca me enseñaron esas cosas"...Que quieres decir, que mis padres no son bien educados? Preguntou cabreado o de Logroño..."Eu non sei se os seus pais son ben educados ou non, pero vostede é un desvergonzado", respondeulle Varela, ao tempo que dunha soberbia labazada na queixada, o arrebolaba polo chan.

Animou Carlos Parrado a mergullarse no libro dunha lectura doada pola escrita sinxela, nas preto de 294 paxinas, e que remata cunha aquelada serie de notas finais, ás que suxiren os diferentes relatorios, máis unha coidada documentación gráfica.
...unhas semanas de morto e enterrado Curuxás deuse de correr por Melide o rumor de que o guerrilleiro morrera en Iriago de Abaixo, na casa de Ramiro do Zarato, Ramiro Mosquera Valle. Rumor que tamén chegou ao cuartel da garda civil...sabedor que o Zarato padecía xordeira, o sarxento elevando o ton de voz por riba do que habitualmente o facía, inquiriu: Ramiro, ¿así que usted tenía a Curuxás en casa? E...si señor si...que lle quere Ve, a Manuela estalle mal; ándalle mal...¡Yo no le digo eso. Le estoy diciendo que usted tenia a Curuxás en casa! Atallouno o sarxento, erguendo algo máis a voz...Mal señor...mal. A vida dos vellos elle unha vida perdida...¡Ramiro le estoy diciendo que usted tenia a Curuxás en casa! Repetiu o garda civil en voz tan alta que xa logo parecía un berro...Eu non lle oio ben de todo, sabe? Sonlle os anos, señor: a vellez non lle ten cura...¡Márchese, hombre, márchese! Berroulle o sarxento...Isto entendeuno Ramiro á primeira, e marchou.

Pechou a xuntanza a edil de cultura do Concello da Coruña, María Xosé Bravo, quen laiouse de estaren nunha casa oca, xa que foi baleirada polo fascismo, e só uns poucos libros salváronse da queima, os que arestora fican na Biblioteca González Garcés da Coruña. Amosou nestas datas do día internacional do libro, o seu desexo dun futuro no que os andeis das librarías da biblioteca da casa Casares Quiroga énchense de libros, e dese xeito cumprir coa finalidade dun servizo cultural coma é a chegada ás persoas.


3,6/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: