Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Abondosa lembranza do primeiro goberno da democracia ao abeiro do pasamento de Raúl Alfonsín

  A morte do ex presidente Raúl Alfonsín o día 31 de marzo, aos oitenta e dous anos, produciu unha forte axitación en todo-los sectores da sociedade Arxentina. A figura de Alfonsín axigantase pola rara honestidade persoal. A teimuda defensa da lei que fixo durante o goberno da nova democracia levou perante os xuíces aos quince xefes militares que foran os persoeiros das xuntas de goberno da fera e sanguenta ditadura militar. Loitou afervoadamente pola integración Latinoamericana, impulsou os acordos que deron orixe ao MERCOSUR. O seu exemplo de probidade e tolerancia nos tempos que lle tocou levar adiante a súa tarefa de goberno deberíalle valer aos ca hoxe réndenlle honores para non repetir os erros do pasado.

Enviada por NorbertoVarelaCalvo NorbertoVarelaCalvo o 17/04/2009 00:53

  A morte do ex presidente Raúl Alfonsín o día 31 de marzo, aos oitenta e dous anos, produciu unha forte axitación en todo-los sectores da sociedade Arxentina, mobilizou milleiros, sen a presión dos punteiros políticos nin levados en autocares á forza coma adoitan os seareiros do goberno, nun senso de orfandade e desasosego fronte ao cadaleito e acompañáronlle ao cemiterio preto de cen mil persoas, nunha sociedade cansa da clase política e acostumada á indiferenza, vendo os feitos políticos pola televisión. Deixou un sinal de unidade e lembranza non corrente na vida política do país, pouco afeita á tolerancia e con atrancos de convivencia, a súa pegada semella o berce da nova democracia e da recuperación do prezado valor das institucións logo da longa noite da ditadura. Hoxe as calidades do primeiro presidente da democracia recuperada, o único ca non tivo acusacións por corrupción, que é un aceno de non ter empregado os recunchos do poder para medrar-la súa facenda, e contribuíu á afianzar as virtudes da liberdade, fican afastadas pola cobiza dos seus herdeiros políticos co amoreamento de poder polo poder mesmo.

A figura de Alfonsín axigantase pola rara honestidade persoal, namentres o proxecto de agromar unha democracia forte e xusta fica arestora afastado pola falla de dialogo e consenso coas imposicións á forza, devalando as regras democráticas das institucións na busca dunha vantaxe persoal por riba do benestar xeral. Ao seu ronsel destaca a carraxe co que enfrontou os agoiros da oposición máis os sindicatos que non lle perdoaron a denuncia do pacto sindical-militar; unha aliaxe dos eidos sindicais máis o partido peronista na busca dos votos da familia militar baixo a obriga certa dun vindeiro indulto aos represores, feita só tres días antes das votacións do ano 1983.

A teimuda defensa da lei que fixo durante o goberno da nova democracia levou perante os xuíces aos quince xefes militares que foran os persoeiros das xuntas de goberno da fera e sanguenta ditadura militar, que desleou una escada violenta dunha irracionalidade descoñecida na Arxentina, de cuxas pegadas fica hoxe doente o país, o presidente Alfonsín aturou a presión das forzas armadas coa esixencia da impunidade polos trinta mil asasinatos e desaparicións de persoas, máis a demanda da salvagarda presidencial á todo-los militares que durante os anos 1976-1983 foron os personaxes que levaron adiante os feitos do terrorismo de estado.

A estes persoeiros seica parecíalles aínda acadado recibi-lo coidado do goberno da democracia, xa que Latinoamérica sempre tivo leis de esquecemento respecto ás ditaduras, o goberno de Alfonsín enfrontouse co poder militar, coma ningún outro país da América ou do mundo, e levou axiña á xuízo aos envolveitos no golpe ás institucións constitucionais e o aldraxe das desaparicións forzadas e morte de persoas, facendo ca os anellos ditadores rendesen contas á xustiza democrática. Foi vítima dunha forte xenreira pola oposición e os sindicatos, sufriu dous alzamentos militares e ditou, baixo a forza da rebelión carapintada, os proxectos de leis de obediencia debida e punto final, ca deixaran en liberdade sen xuízo a meirande dos represores que só cumpriron as ordes, abofé estaren acusados de privacións ilegais da liberdade, secuestro, asasinato e desaparición de persoas.

Alfonsín que apoia nas datas da ditadura a orixe da Asemblea Permanente Polos Dereitos Humanos, foi quen de poñer unha aldraba na historia Arxentina e rematar cunha longa quenda de levantamentos militares dende o ano 1930, o pai fundador da inda feble democracia deu pulo á unidade rexional, o xuízo aos militares golpistas noutros países da rexión, promoveu a paz coa nación irma de Chile, as liberdades e o respecto aos dereitos humanos. Cando gañou as eleccións no ano 1983, as primeiras ceibes levadas adiante logo da morte do último presidente constitucional o xeneral Juan Perón no ano 1974, e asumiu o goberno nun intre que a economía e a conduta moral do país ficaban ao máis baixo nivel, foi o alicerce da posta en marcha da comisión nacional sobre la desaparición de persoas, CONADEP, que presidiu o escritor Ernesto Sabato quen creou o arrepiante informe nomeado NUNCA MAÏS, ca é orixe dos xuízos aos mandos das forzas armadas que compoñeren as xuntas militares e que foron levados á cadea a perpetuidade, até o indulto do presidente Carlos Menem.

No ano 1982, foi seica un dos poucos políticos ca non deron pulo á invasión das illas Malvinas, cualificou a actitude dos xefes militares coma un feito de tolemia cun interese avarento de perpetuarse no poder, e negouse a tomar parte nunha xuntanza de apoio á andaina do desembarco arxentino nas illas na seguridade que unha causa xusta, coma é a devolución das illas, espoliadas no século dezanove polo Reino Unido, só podería levala adiante un goberno democrático. Espallou a súa inquedanza pola reforma da constitución que alumara a segunda república coa forma dunha democracia parlamentaria, non presidencialista, lonxe das eivas do caciquismo e o poder hexemónico dunha persoa ou dalgún goberno pouco afeito á democracia. Afirmou o seu desexo dunha longa e duradeira democracia no baseamento da creación do Consello para-la Consolidación da Democracia, o fornecemento da educación pública coma cimento da liberdade, co impulso ao Congreso Pedagóxico e proxectou un seguro de saúde universal e non excluínte co fin que, independente da súa capacidade de cartos, todos achegasen aos mellores niveis de calidade.

Loitou afervoadamente pola integración Latinoamericana, impulsou os acordos que deron orixe ao MERCOSUR, tentou o coidado das contas do estado e dar impulso ao crecemento, creou con firmeza que a inflación máis a corrupción adoitan ser os principais conflitos da sociedade Arxentina e amosan as fallas da distribución da riqueza, máis a febleza do estado fronte ao capital e o poder sindical. Seus maiores erros os tivo no eido da economía, onde non soubera facer fronte á crise financeira, máis a desfeita do artellamento industrial, herdanza da ditadura, o dano da hiper inflación co acosamento do partido peronista e as sociedades sindicais coas trece folgas xerais, a presión da poboación e a oposición foron esmorecendo a súa pegada popular e levarono, logo da perda das eleccións do ano 1989, á entrega anticipada do mandato ao presidente electo Carlos Menem, así e todo o país ollaba o primeiro traspaso dun goberno en democracia e legal do poder logo de moitos anos de ditadura.

O pobo Arxentino a pesares dos conflitos e as ensinanzas negativas dos longos anos fora da vida democrática tiña o soño de vivir nun estado de dereito logo da derradeira ditadura, aínda chega ás eleccións do ano 1983 farto e coa seguridade que unha sociedade non poderá ficar sempre no desacougo e no enfrontamento, destaca do presidente Alfonsín a súa capacidade de comunicador, seica o mellor de todo-los seus predecesores máis os que lle sucederon, albiscou cedo a necesidade do pobo de verdade e xustiza. O seu exemplo de probidade e tolerancia nos tempos que lle tocou levar adiante a súa tarefa de goberno deberíalle valer aos ca hoxe réndenlle honores para non repetir os erros do pasado.


4,67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: