O Sindicato reclama unha categoría profesional que permita aos informadores da Administració n máis independencia respecto ao partido que goberne
O Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) esixe ao novo goberno da Xunta que cree unha categoría profesional para o cento de postos de traballo de xornalistas nos departamentos do Goberno Galego. O obxectivo é transformar estes empregos en gabinetes, sen responsabilidade política, en postos de traballo estables.
Profesionais sen perfil político
Na actualidade, a contratación ou despido destes traballadores depende exclusivamente do mandatario político de turno. Por iso, un cento de xornalistas perderá o seu posto nos vindeiros días como consecuencia do cambio do Goberno, ao igual que sucedeu hai catro anos. Trátase na gran maioría dos casos de profesionais que fan unha labor sen perfil político algún –como seguimento de medios, redacción de notas de prensa, atención ás demandas de información por parte dos medios ou labores de fotografía– e que, xa que logo, só se dedican a darlle forma á información xerada polas decisións do Goberno.
O SXG entende que os responsables públicos incorporen ao seu equipo, durante a súa etapa á fronte do Goberno Galego, asesores e xefes de prensa da súa absoluta confianza para cuestións relacionadas coa comunicación, pero iso non ten porque afectar aos xornalistas que desempeñan labores estritamente informativas.
Máis transparencia e eficacia na información pública
Esta precariedade nos gabinetes da Xunta provoca unha absoluta dependencia dos profesionais que xestionan información pública respecto dos cargos e os partidos políticos que gobernan en cada intre. É evidente que isto facilita ademais aos partidos o control da información que dende a administración pública se facilita aos medios.
Polo contrario, de crearse unha categoría para estabilizar estes postos -como propón o SXG- os xornalistas poderían ser contratados en función da súa experiencia, formación e, sobre todo, á marxe de supostas filiacións partidarias. En consecuencia, aumentaría a transparencia da información que dende a Xunta se verte aos cidadáns.
Contratos de máis de catro anos
Na estabilización destes postos de traballo, o Sindicato de Xornalistas defende que os contratos laborais deberían ter sempre unha duración maior aos catro anos, nos que usualmente hai eleccións autonómicas, para aumentar a independencia dos traballadores respecto aos aparatos dos partidos.
O SXG lamenta que PSdeG e BNG non aproveitasen a súa presenza no goberno para estabilizar este cadro de persoal. Lémbralles que, cando estaban na oposición, protestaban no Parlamento de Galicia contra o Goberno do PP polo gran número de xornalistas contratados “a dedo”.
O Sindicato leva reclamando a estabilización destes empregos dende hai máis de dous anos. Malia as súas demandas, a Lei da Función Pública non incluíu categoría profesional algunha para estes informadores. E iso que, dado o volume de xornalistas que traballan na Xunta, a Administración Autonómica é a institución, tras a CRTVG, na que traballan máis xornalistas en Galicia.