Só o necio confunde valor e prezo. Adicado a tódolos que aínda coñecen o valor das cousas que non teñen prezo.
Existen lugares máxicos neste planeta moribundo, din por todas partes que debemos protexelos e coidalos, preservalos para as futuras xeracións de homes e mulleres que habiten este mundo… e todos parecemos conformes con este principio de conservación, ata que entra en xogo o poderoso cabaleiro.
Estamos tan afeitos aos prezos que esquecemos o seu valor. Cando nos din que están en xogo os postos de traballo dun par de centos de persoas, adoitamos poñer mala cara e preocuparnos polo futuro inmediato das súas familias e das nosas hipotecas e gastos que vemos perigar ante a inestabilidade laboral.
Pero recórdolles que só o necio confunde valor e prezo. Tendemos á necidade con tal rapidez que custa pensar a medio prazo no valor do que nos xogamos.
¿Canto custa unha fonte de augas cristalinas? Se embotellamos e transportamos as augas do manantial igual represanta unha inmensa fortuna. ¿Canto pagariamos por un lugar máxico no que descansar da angustiosa vida diaria? Se se trata dun balneario de alta montaña ben comunicado e situado nas guías dos mellores tour operadores seguramente pagariamos unha pequena fortuna por ter participacións no negocio. ¿Canto diñeiro custa reconciliar a nosa alma co noso corpo e ser inmensamente felices? Se estámonos a referir ao Paraíso entón o prezo pode ser infinito.
A nosa necidade é de tal calibre que renunciamos ao Paraíso por unhas poucas moedas que paguen as nosas hipotecas e satisfagan os nosos gastos do mes no supermercado da vida.
Ninguén no seu san xuízo aceptaría tan mal negocio e, con todo, seguimos a empuxar en dirección ao desastre. Se estamos doentes, se a razón non rexe as nosas decisións, se somos capaces de traballar para nosa propia ruína, deberiamos facérnolo mirar…!
O paraíso chámase Parque Natural do Caurel, o negocio coñéceno todos, as canteiras de lousa e os seus postos de traballo. Ún e mailo outro son incompatibles: ou escollemos as escombreiras estériles nas que xamais medrará cousa algunha, ou apostamos polos soutos de castiñeiros e as devesas frondosas… Ou o ún ou o outro.
Velaquí o dilema: valor ou prezo?
Sen dubidalo nin un momento o Valor! Ninguén que estivese no seu san xuízo deixaría pasar a oportunidade de salvar o paraíso con todo o valor que encerra para homes e mulleres angustiados polas miserias cotiás da vida. Máis que dun territorio estamos falando dun Sanatorio: un lugar no que sanar alma e corpo para sempre cal é o seu prezo?
Fóra cal fóra este prezo deberiamos pagalo, debémosllo aos nosos fillos, debémosllo aos nosos netos, debémosllo aos que construíron coas súas mans prados, bosques de sobreiras e cortizos, debémosllo aos nosos devanceiros, á memoria colectiva de todo un pobo, debémosllo a tanta e tanta xente que poderían chegar a perdelo, que apenas si tocamos a pouco máis dun euro… ¿Quen non quere o paraíso por un euro?
Non desexaba falar deles, porque matan a alegría e lévannos da man ao sumidoiro da vida, pero quizais teña que falar deles, dos únicos que non entenden de valor senón de prezo, dos que menten ás xentes para conseguiren o seu triste beneficio, dos que enchen as súas bocas con normativas de impactos ambientais en sórdidos despachos, dos que nos din que estamos instalados nun inmenso erro, que a vida é outra cousa, que a vida consiste en pagar a triste hipoteca que eles cobran…
Teremos que dicirlles a estes militantes do desánimo, que o Caurel segue vivo aínda malia as súas intrigas palacianas, teremos que sentarnos na beira do camiño a agardar que pase de longo o escuro acompañamento funerario destes vendedores de tristeza… ¿teremos que gritarlles á cara a súa incompetencia manifesta?
Noutras latitudes homes e mulleres tiveron que tomar as mesmas decisións: conservar o paraíso ou abandonalo para sempre. Non o dubidaron, conservaron aquilo que os conservaba vivos, aquilo que sanaba as súas feridas, aquilo que mantén as fontes da vida, conservaron cada casa e cada aldea, pedra a pedra levantaron coa súa alma as estrelas… e todo volveu renacer naqueles paraísos perdidos...
Saír do dilema fatal: paguemos todos un prezo por aquilo que vale a pena salvar:
Salvemos O Courel, Parque Natural, Reserva da Biosfera, Paraíso Terreal…!
Para os outros, para os que non desexo siquera nomear, sexamos xenerosos e reservémolle un merecido lugar onde descansar, nos cemiterios desta terra ancestral. Pola virtude da terra é posible que renazan sans da súa crueldade, e volvan á vida sendo homes e mulleres felices da recuperación desta máxica canteira outonal.
O Courel. Agosto 2008.
__________________________________________
Fotografía: A serra do Courel vista dende Froxán.