Unha resposta urxente ó Manifesto a prol da Convivencia Lingüística...
Mentres ós galegos e galegas que non pensan coma eles: que lles dean…!!!
Veñen a rompernos a cabeza con outro manifesto mintirán: disque queren a Convivencia, os mesmos que levan máis dun ano perseguindo ós galegos e galegas que non queremos someternos ás súas IMPOSICIÓNS LINGÜÍSTICAS por Decreto!
Compre botarlle rostro e ser fachendosos virando a realidade e víndonos a chorar coma mixiricas con frases como esta: “vivimos unha grande inxustiza que é a negación da igualdade e da verdadeira convivencia”, ¿como se pode dicir tal cousa cando pescudaron os nomes de profesores que impartían aulas en castelán para denuncialos ante a Inspección educativa (queréndose converter en inspectores e xuíces)? ¿como se pode vir a chorar cando aplaudiron vídeos na rede destinados á confrontación e a exclusión de galegos e galegas simplemente porque discrepamos dos seus métodos estalinistas de imposición da nosa lingua por decreto? Vídeos que aínda seguen colgados na rede, lamentablemente, dando os seus froitos amargos como o ataque sofrido polo vicepresidente de Galicia Bilingüe.
Disque son trinta os promotores do libelo e mesmo que foran trinta mil… ¿como se pode vir a falar de Convivencia cando empregan o insulto e ata o mal de ollo contra Oscar Pereiro e a súa familia (ogallá se recupere tanto física coma psicolóxicamente para o vindeiro Tour!) por asinar o Manifesto a prol da Lingua Común? (grande delito debeu ser este para os que agora falan de convivir!)
Veñen con mentiras: dicindo co Manifesto pola Lingua Común ten como “obxectivo que os falantes do galego non teñan dereitos lingüísticos”.
Pregúntome se saben ler siquera unha páxina estes intelectuais da cunquiña, cando precisamente nese manifesto o que se pide é que ante o pulo das linguas cooficiais se teñan en conta os dereitos daquelas persoas que non falan (nin teñen a obriga de falar por decreto) galego, euskara ou catalán. ¿Como se pode furgar na ferida cando son eles os que retiran por decreto os dereitos -xa non lingüísticos- senon os máis básicos dereitos humanos: o dereito á Igualdade e á Liberdade?
No escrito dino con meridana obxectividade: “o verdadeiro problema non está na cooficialidade de idiomas”: ¿logo onde está o verdadeiro problema?
Disque “na actitude de quen nega a existencia de pobos e linguas diferentes no Estado español” ¿Hai algún imbécil que sexa capaz de negar hoxendía a evidencia? O que non dín estes vividores da lingua é que a actitude que desexarían por parte da cidadanía galega é unha actitude de sometemento total ós designios que teñen xa escritos para este pobo dentro do Estado: a súa independencia nacional!
Pois queridos amigos se este é un manifesto a prol da Convivencia eu baixome da burra porque non son membro de ningún pobo sometido!
Eu coma centos de miles de galegos e galegas son dun pobo senlleiro que sempre soubo tirar cara adiante e vivir a súa vida con INDEPENDENCIA de criterios alleos. ¿Ou é que agora vannos dicir cómo temos que gobernar a nosa casa? ¿Que lingua temos que falar e con quén e cando témola que falar? ¿Seremos os galegos e galegas xentes ruíns que non somos quen de falar a lingua que nos pete e cando nos pete, e teñan que ser os choromicas de sempre quenes impoñan a súa santa vontade para vivir a costa da lingua de todos nós? Basta xa de imposturas!
Se queren a independencia do país que a pelexen nas urnas… e mentres tanto que deixen a lingua galega e ós galegos e galegas en paz… que non é por aí por onde van acadar os votos para levar a cabo os seus soños políticos.
Acadarán os seus obxectivos grazas ós cartiños que lles choven do aire –vía institucional- para seguir acosando e insultando ós que vivimos en galego e castelán sen problemas nesta terra.
Queremos convivir en Paz: basta xa de mentirlles ós galegos, moi especialmente ós rapaces e rapazas con ideas que exclúen ós que falamos castelán, convertindo en chívos expiatorios da súa causa a cantos cidadáns se atreven a reivindicar os seus dereitos lingüísticos individuais dentro do marco constitucional.
Pola convivencia, máis alá de linguas e ideoloxías: galegos e galegas somos todos!
Unha lingua non se fala por Decreto!
Erasmo.
Amante da súa lingua e da Liberdade!