Vieiros

Vieiros de meu Perfil


20 anos de Frente

enviar noticia abrir debate como vai isto
Edición xestionada por ti
RSS de 20 anos de Frente

20 anos de Frente

Crónica do vixésimo aniversario da Frente Popular Galega

Entrevista a Mariano Abalo no último número d'A Peneira

Enviada por Navia Navia o 08/07/2008 12:37
<!-- etiqueta sen asignar aberto_alt //-->

Pasaron xa vinte anos dende a constitución da Frente Popular Galega (FPG). Ben merecía a efeméride un acto conmemorativo para homenaxear a loita da militancia independentista. Non só da actual senón de toda aquela que estivo dende os primeiros días, mesmo daqueles que logo marcharan. Alí, na carballeira de Santo Amaro, en Aldán (Cangas do Morrazo) xuntáronse a meirande parte destas persoas rachando a distancia dos vellos debates e facendo das rifas auga pasada. Os vinte anos da FPG eran unha boa razón.

Ao acto chegaron homes e mulleres de todo o país, reencontráronse os vellos camaradas, asistiron representantes de distintas delegacións convidadas: ADIANTE, Alternativa Canguesa de Esquerdas, Confederación Intersindical Galega, Central Unitaria de Traballadores/as, Sindicato Labrego Galego, Movemento pola Base, PCPG, Colectivo Nacionalista de Marín e Redes Escarlata. Todo foi nun ambiente de confraternidade real que se confirmaba cunha final ateigada.

Comezaron as intervencións políticas contra as 19h. Intervencións que representaron tres xeracións de loita. A mocidade denunciou as condicións de vida que sofren, alentou a reformulación do nacionalismo nunha perspectiva de futuro e homenaxeou a loita da militancia independentista e socialista da FPG que permitiron manter en pé un referente político. Falou Ferrín en nome da xeración embrionaria do nacionalismo de esquerdas e a súa posterior evolución cara o independentismo, nun discurso cargado da historia do movemento nacional-popular. Pechaba o acto o Secretario Xeral, Mariano Abalo, que iniciaba cunha anécdota para despois reafirmar os principios ideolóxicos do Partido, a mostra pública de autocrítica e a confianza de que se afiance unha nova alternativa.

Entre os discursos, Mónica Camaño puxo a voz da presentación mais tamén a reflexión atraveso de diferentes intervencións. Xunto a ela, a voz de Leo que innova coas vellas cancións facendo unha perfecta mostra de que coa tradición se pode crear.

Finalizou o acto co canto dos nosos himnos, o nacional e o da nosa clase, a Internacional, que tiveron nos berros de ‘viva Galiza ceibe e socialista’ a reafirmación de que a nosa loita continúa.

Deseguido veu a cea nunha carballeira cercada, no adro dunha igrexa da que penduraba unha bandeira da Patria. Foi o fortín do independentismo galego, alí estaba parte da mellor fornada do movemento nacionalista e independentista contemporáneo.

A noite foi longa. Por iso Leo colleu de novo a guitarra, acompañado dun tamborileiro, para bradar de novo vellas e novas cancións, con vellos e novos estilos. Mentres nas mesas falábase, cantábase, encontrábanse as vellas historias e lembranzas. Mais cando Leo rematou, apareceu unha gaiteira acompañada doutros músicos para que a noite fose máis longa. Foino.

Mais neste acto da FPG tamén estiveron presentes en todo intre a memoria dos nosos, dende Bóveda, Castelao ou Benigno Álvarez até Luís Soto, Moncho Reboiras, Fernando Pérez ou Ramom Muntxaraz. Non foi un acto pechado de partido senón que foi a reafirmación dun proxecto no que seguimos crendo firmemente.

A FPG quere agradecer a asistencia de cada unha das persoas, o traballo e esforzo de quen ergueron e botaron un cabo para que fose un éxito o acto, as delegacións convidadas e a calor con quen se mantivo toda a xornada, unha xornada xa histórica que non se esquecerá.


4,81/5 (21 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: