Nos últimos días todo parecen boas noticias para Monteferro, para a súa conservación e protección como espazo natural. (Na foto, as Illas Cies vistas desde Monteferro).
Primeiro foron as palabras dos responsabeis da Consellería de Medio Ambiente expresando a súa intención de que Monteferro fose integrado no Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas.Máis recentemente, Monteferro aparece citado no documento das Directrices de Ordenación do Territorio de Galicia (DOT) que a Consellería de Ordenación do Territorio e Obras Públicas acaba de facer público. Moi en concreto, ao falar de "Vigo-Pontevedra. A Metrópole das Rías Baixas", no parágrafo "O Sistema Verde Metropolitano", o cabo de Monteferro inclúese entre os "elementos singulares que, polo seu valor ecolóxico, deben ser obxecto dunha adecuada protección e mellora pois constitúen referentes de excelencia ambiental para o conxunto da metrópole".De maneira que todo parece indicar que os desexos de moitas persoas, nomeadamente do Val Miñor e da ría de Vigo, poden chegar a ser unha realidade de prosperar estas declaracións de intención. Poucas reivindicacións en materia medioambiental tan sentidas coma esta de Monteferro, como así se ten demostrado con milleiros de adhesións e con mobilizacións nas propias rúas de Nigrán.Desde Salvemos Monteferro saudamos estas boas noticias que confiamos sexan realidade máis pronto que tarde. Aí estaremos apoiando canto sexa preciso para conseguilo.