Audasa e Autoestradas de Galicia, ambas pertencentes ao grupo Sacyr Vallehermoso, son as empresas responsábeis da construción, conservación e explotación das autoestradas feitas no noso país desde o ano 1975. Nunha sociedade que depende na meirande porcentaxe do coche e ten que empregar estas autoestradas sen alternativa, estas empresas teñen o negocio asegurado cós 206 km da autoestrada, AP9, que unen Ferrol con Tui (16 € por turismo), presumindo, ademais, de xestionar o eixo que da servizo a 5 das 7 urbes galegas e a máis de 1 millón e medio de cidadáns.
O feito de que se lucren en territorio galego non os fai sensíbeis á cultura galega, como amosa o feito da ausencia da nosa lingua na atención directa ao cliente ou na súa páxina web. Animámoste a que envíes o seguinte prego pedíndolles respecto a nosa lingua , e a reenviar esta mensaxe a amigos sensibilizados có idioma.
Texto do Prego RAG: (Tamén AGAL)
Estimados responsábeis da atención ao cliente:
Sendo a súa empresa a responsábel dunha das principais infraestruturas de Galiza como é a AP9, que interconecta 5 das 7 urbes galegas, e dáservizo a máis de un millón e medio de cidadáns que pagan escrupulosamente polo seu uso, chama a atención a falta de sensibilidade de Audasa e Autoestradas de Galicia respecto a cultura do país. En concreto respecto a lingua galega, ausente na súa páxina web e na atención ao cliente no trato directo que podemos ter con membros da súa empresa, ben sexa vía telefónica ou directamente nas peaxes.
Neste senso, e para corrixir o defecto da súa web, gustaríame facerlle saber que a CEG (Confederación de Empresarios de Galicia, http://www.normalizacion.ceg.es ) ofrece un servizo gratuíto de tradución ao galego para aquelas empresas que así o soliciten.
Polo demais, aproveitando que o presente ano foi declarado pola ONU "Ano Internacional das Linguas" penso que sería un momento idóneo para proceder, por fin, a galeguización da atención ao cliente e dos servizos que ofertan, fundamentalmente, a público galego.
Sen máis, esperando que a miña suxestión sexa atendida no prazo de tempo máis breve posíbel, reciba un cordial saúdo.
NOME
DNI
MANDAR PREGO
GRAZAS POR COLABORAR
CIBERIRMANDADE DA FALA
Un povo, unha rede, unha fala