A memoria do mar é un proxecto do Museo do Mar de Galicia en colaboración coa Federación Galega de Confrarías que percorrerá 25 localidades da costa galega. O obxectivo principal é catalogar, recuperar e pór en valor o patrimonio fotográfico mariñeiro mediante a dixitalización de fondos fotográficos familiares e a creación dunha base de datos de imaxes relacionadas co mar.
Trátase dun proxecto pioneiro en Galiza que pretende establecer un catálogo visual do mundo galego relacionado co mar. É a primeira vez que dende un organismo oficial se plantexa un tratamento do patrimonio fotográfico a nivel galego. O proceso de dixitalización inclúe tanto fotografías como negativos e diapositivas. A única condición preestablecida é que o seu contido teña relación co mar e foran feitas antes do ano 2000. Deste xeito, a maioría das imaxes pertencentes aos albumes fotográficos familiares teñen cabida no proxecto. Procesións marítimas, paisaxes, traballos e faenas mariñeiras, vacacións ou construcións do litoral son motivos que se axustan aos obxectivos do proxecto. Non importa que sexan imaxes en branco e negro ou en cor.
Os técnicos do Museo do Mar estarán nas confrarías de 25 localidades da costa dixitalizando as fotografías. Toda persoa interesada en participar coa Memoria do mar só terá que se acercar á sede da confraría da súa localidade nas datas sinaladas, levar as fotografías para escanear, que lle serán devoltas no mesmo lugar. En compensación pola colaboración, cada persoa recibirá un CD coas súas fotografías dixitalizadas.
Unha vez finalizado o proxecto, montaranse unha serie de exposicións que permitan ás poboacións mariñeiras apreciar o seu patrimonio. O apartado da socialización do patrimonio fotográfico é un elemento esencial no proxecto. Toda persoa interesada en participar coa Memoria do mar recibirá un CD coas súas fotografías dixitalizadas.
Os técnicos do Museo do Mar estarán en Lira do 28 ao 30 de Abril en horario de 10:30 a 14:00 horas e 16 a 19:00 horas na confraria da localidade, a disposición das persoas interesadas.
www.memoriadomar.com