Telmo Comesaña envíanos un artigo de opinión.
A voltas coa familia
Agora que xa non se rompe España, nin os cataláns nos chuchan o sangue, xorden, outra volta, as liortas da familia, da educación e do aborto.
Acotío se escoita, lese e vese, a diferentes persoeiros/as tratar da familia dende aquela visión nacional/catolicísta que padecemos ao longo de tantos anos, e que mesmo parece que a todos aqueles/as que “militamos” fóra do catolicismo, somos un problema para a sociedade e convén, “levarnos o rego”, como xa o fixeron noutrora.
Dende a miña condición de agnóstico, penso que nunha sociedade plural, a educación ten que ser exclusivamente laica, e logo, que cadaquén na súa casa e na súa igrexa que faga o que lle pete.
O ritmo co seu “tan- tan”, márcano o tam-den dos arcebispos da Igrexa católica e o PP, que mesmo parece que están a organizar outra “Cruzada”, dun xeito moi parecido a como xa fixeron nos anos 30 do pasado século. Esta igrexa que lle doe entre outros asuntos pola lei do aborto, é a mesma que colaborou cos crimes de Franco: paseos, xuizos sumarios seguidos de fusilamentos, campos de concentración, traballos forzados, torturas, exilio, cárceres - sobor de todo de mulleres - coas que Vallejo Nájera facía experimentos, para desenrolar unha raza iberica pura (El miedo en la posguerra) de Enrique González Duro.
En todo ese horror estaba a Igrexa católica. E Pío XI, e despois Pío XII facían: Te Deums, polos éxítos de Franco, Musolini e Hitler, que eran os vencedores. Esa Igrexa que ocupaba unha cadeira nas bancadas das Cortes, paseaba baixo palio ó sátrapa, ó que pola boca pequena se lle chamaba LA REOSTIA. Esa Igrexa nunca pediu perdón porque nunca se arrepentiu, e agora, fai o mesmo que no pasado, tratando de dividir a sociedade, porque se decata que xa non pode voltar a controlar a vida dos cidadans, como io fixo desde a Inquisición.