A plataforma 'Galiza non se vende' remítenos a seguinte carta.
As declaracións de Francisco Rodríguez, mestura de burda demagoxia e inaceptábel concepto clientelar das organizacións sociais, evidencian o seu descoñecemento do que significa a REDE GALIZA NON SE VENDE, así como das razóns da multitudinaria manifestación do 17-F en Compostela.
Parece claro que o Sr. Rodríguez nin tan sequera se tomou a molestia de ler o manifesto nin o comunicado da Rede antes de facer esas lamentábeis declaracións onde fala da “falta de lealdade dos ecoloxistas afíns ao BNG" ao "apuñalar polas costas ao PSOE" (¡sic!).
A REDE GALIZA NON SE VENDE non é desleal a ninguén pois a ninguén se debe. Nin ten compromiso con ningunha formación política, nin é correa de transmisión de partido ningún.
O noso compromiso está co país, co seu ambiente e coas súas xentes, e por iso nos mobilizamos diante da pasividade dos gobernos, sexan do signo que sexan, que poñen os seus pactos e lealdades por riba dos intereses xerais da cidadanía e da terra. E facémolo con responsabilidade e transparencia, sumando colectivos e persoas de variada ideoloxía, pero que apostan por unha xestión do territorio baseada na sustentabilidade ecolóxica e na xustiza social.
Lamentamos que sexa un representante elexido polos cidadáns quen critique o dereito lexítimo destes a manifestarse na defensa dos seus intereses. E que o faga apelando á lealdade que el di deberlle aos seus socios de goberno. Esquece que hai outra lealdade violentada, a que o Sr. Rodríguez ignora cando se fala de pescadores e labregos, homes e mulleres, xoves e vellos, desexosos de vivir da terra e coa terra. E é que calquera goberno galego debería priorizar .
o seu compromiso coa cidadanía na procura dun cambio de políticas e dun cambio de modos que non se produciu. Un feito que estas declaracións non fan máis que confirmar.
Francisco Rodríguez intenta escorrer o vulto, como se a cousa non tivese nada que ver coa formación política que representa, cando cualifica a manifestación de puñalada polas costas ás Consellerías do PSOE. Cómpre lembrarlle ao Sr. Rodríguez que o seu partido fai parte da actual administración galega e ostenta a responsabilidade de Consellerías, como a de Innovación e Industria, con nefastas actuacións ambientais, como tamén se denunciou na devandita manifestación.
Tamén fala Rodríguez desa mobilización como "un totum revolutum" e unha "melé" de intereses variados. Non houbo “melé”, entendida como mestura, senón unha suma de persoas e de inquedanzas comúns. E tampouco aquilo foi un “totum revolutum". Ao contrario, un exercicio de orde, madurez, sensatez, xuizo e seriedade, cualidades estas nas que non se prodigan os responsabeis políticos, máis dados á concesión de privilexios ao mundo empresarial que á necesaria protección do territorio, auténtico motor económico e garante do futuro. Ao Sr. Rodríguez só cabe aconsellarlle un pouco de modestia e memoria. “Honores mutant mores” (as honras cambian os costumes). E as ideas.
Goberne quen goberne
GALIZA NON SE VENDE