Vieiros

Vieiros de meu Perfil


O apoio do Partido Popular ás corridas de touros

Desde Pontevedra, Julio Ortega envíanos esta reflexión arredor do programa co que o PP acode a estas eleccións xerais.

Enviada por redaccion redaccion o 21/02/2008 10:46

Á fin o Partido Popular fixo público o que era unha realidade mal disimulada: o seu apoio incondicional ás corridas de touros. Non deixa de ter unha graza macabra que inclúa a seguinte frase "A festa dos touros, en todos os seus aspectos, será considerada como parte do noso patrimonio cultural", precisamente no apartado de cultura do seu proxecto. O Grupo conservador considera que o feito de torturar a un animal e causarlle sufrimento para á fin matalo, é digno de figurar entre o conxunto de coñecementos que permite a alguén desenvolver o seu xuízo crítico e entre as expresións artísticas dunha sociedade. Seguramente ademais de cultural é didáctico, por iso pretende fomentar un espectáculo sanguento ao que poden acudir menores.

Seguindo coa súa defensa desta atrocidade maquillada como tradición, ten o PP a intención de "promover a restauración das prazas históricas, dentro dun programa no que se crearán proxectos culturais e de investigación". Non é a primeira vez que nos Concellos gobernados principalmente polos populares, se gastan cantidades inxentes de diñeiro en cuestións taurófilas, aínda que iso supoña o endebedamento municipal e a deterioración de servizos públicos por falta de fondos. Segue vixente nesta Agrupación a idea de ofrecerlle "Pan e circo" ao pobo, aínda que sempre sexa para os mesmos o pan duro e o circo implique a dor de seres vivos.

Para rematar, di o Partido Popular que quere "demostrar o seu interese por unha actividade económica de primeira orde e preservar un aceno de identidade cultural propia do noso país". Non é precisamente ás familias máis humildes e necesitadas a quen beneficia este negocio, nin serve como xustificación para un crime por moi legal que sexa o argumento dos ingresos que xera, tamén os producen o tráfico de drogas, de armas ou a pornografía infantil. E en canto á afirmación de que é unha identidade cultural deste país, cabería facer un estudo serio e saber canta xente realmente é partidaria desta brutalidade e desexa a súa continuidade; aínda que a xulgar por outras mobilizacións, probablemente o PP faría unha vez máis oídos xordos á vontade popular.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: