Desde A Guarda a Ribadeo, desde O Courel á Terra Cha, un terremoto de especulación e depredación da terra e do mar está destruíndo a nosa natureza, a nosa paisaxe e a nosa forma de vida. Está destruíndo, polo tanto, a propia identidade de Galiza.
Hoxe, máis que nunca, Galiza precisa de ti, da túa voz e da túa forza.
Xuntos e firmes estaremos o 17 de febreiro en Compostela para defender a nosa paisaxe, a nosa natureza, a nosa identidade e a nosa forma de vida. Xuntos e firmes, baixo o sol ou baixo a chuvia, será un domingo radiante de esperanza para a terra dos nosos pais e dos nosos fillos, para a vida futura e, por que non dicilo tamén, para o noso ameazado planeta.
Galiza no ano 2008.
Ata aquí chegamos:
O litoral galego está a sufrir un proceso especulativo de urbanización e privatización sen precedentes que destrúe a paisaxe e dana irreversiblemente os seus recursos pesqueiros e marisqueiros.
A artificialización da costa e a continua construción de recheos (que, as máis das veces, constitúen terreo de balde para empresas que nada teñen que ver co mar), únense a uns niveis de contaminación nunca ata agora rexistrados nas nosas rías e a un Plan de Portos Deportivos absurdo que pretende crear en Galiza máis amarres que os que ten todo o longo litoral oeste de Italia, multiplicando por catro os que existen en Francia por cada quilómetro de costa: Privatización do que é de todos para disfrute e negocio duns poucos.
A esa desfeita temos que unir un Plan Acuícola devastador que significa a destrución de centos de hectáreas das zonas mellor conservadas do noso litoral para a construción de múltiples e enormes piscifactorías, para proveito de dúas empresas transnacionais.
Os nosos ríos viven un proceso de degradación e sobre explotación hidroeléctrica que se suma ao abandono total do rural e dos montes: eucalipto e lume.
Estes últimos son ademais víctimas dun desaforado Plan Eólico que non ten en conta áreas de alto valor ecolóxico nin mesmo protexidas.
Por outra banda en Galiza temos dúas das centrais térmicas máis contaminantes de Europa e exportamos máis do 40% da enerxía eléctrica que aquí se produce.
Todos estes Plans (piscifactorías, portos deportivos ou parques eólicos indiscriminados), non significan ningunha mellora para a cidadanía. Xeran un número ridículo de postos de traballo e a riqueza que producen vai parar só aos petos das grandes empresas, dos grandes capitais, sen repercutir practicamente nada no tecido económico e social do país. Pero si destrúen, degradan e usurpan o que é de todas e todos nós: o medio ambiente, os recursos naturais, a paisaxe e o territorio.
Outro Plan da Xunta, o da Minaría, é un triste modelo de espoliación do territorio. Significa, ademais, a destrución dun dos nosos tesouros naturais máis valiosos e máis queridos, un tesouro que chegara intacto ata nós: A Serra do Courel. Pero tamén a Terra Cha e moitas outras comarcas de Galiza sufrirán as súas consecuencias.
Máis na páxina da Rede Galiza Non Se Vende