Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Pilar Rahola escribe na Vanguardia sobre o veto do BNG á condena do Holocausto nazi

O neno que fuxiu de Polonia
Por Pilar Rahola
LA VANGUARDIA (05.02.08)

Enviada por daviz daviz o 06/02/2008 13:08

¿Warum?", preguntouse o venerable rabino, asindo o brazo do mozo SS, que ía matar a un neno. O mozo facía contrabando, no gueto de Varsovia, e o soldado descubriuno. Anos máis tarde, o pai de Marek Halter explicou esta anécdota a Primo Levi, quen a narrou no seu extraordinario libro "Se isto é un home". A resposta do soldado marca a lume a memoria de Europa, e define a esencia da maldade: "Hier ist kein warum" (aquí non hai ningún porqué). É dicir, o mal non necesita respostas, pero, sobre todo, non necesita ningunha pregunta. Non había un porqué, e orfos do porqué, mataron a millóns de persoas. Se Hannah Arendt descubriu, no proceso contra Eichmann, que o mal era banal, anos antes un rabino descubrira que nin tan sequera tiña un motivo. E a ausencia de motivo era a raíz máis profunda do horror.

Esta semana celebráronse múltiples actos en recordo das vítimas do holocausto. Logo de décadas de esquecemento, a ONU instaurou un día para o recordo, o 27 de xaneiro, e desde entón réndese tributo aos dous terzos da poboación xudía europea, desaparecidos na shoah. Familias completas, nenos, adultos e anciáns, pobos enteiros coas súas historias de séculos, os seus médicos, os seus mestres de escola, os seus panadeiros, os seus músicos, todos convertidos en fume. A historia da humanidade está chea de xenocidios, e, como di a Torá, o mal (chamado alí Amelek), cambia de faciana, pero o holocausto é o primeiro intento industrial de exterminio masivo, e case consegue chegar ao seu obxectivo. Sete mil persoas, lixeiros como espectros, quedaban en Auschwitz cando "fixeron a súa aparición catro novos soldados soviéticos dacabalo", relata Levi. E segue Marek: "Sorprendéronse visiblemente ao descubrir, nunha bruma de neve, esa inmensidade branca, dominada por chemineas negras e rodeada de aramados, tras as que uns esqueletos humanos movíanse no medio dun silencio ensordecedor". Restos do naufraxio do holocausto, os poucos sobreviventes foron a voz da memoria. Esa memoria, estes días, tivo a súa expresión en múltiples actos, e en Barcelona, da man do escritor Marek Halter, coñecemos a un neno que puido fuxir do gueto de Varsovia co seu pai, deixando atrás o recordo de toda a súa familia asasinada. Fundador de SOS Racismo en Francia e loitador pola paz en Oriente Medio, Marek é, en carne propia, a expresión da palabra hebrea nabí, traducida historicamente como profeta. Dicíanos, no acto do Institut Francés que tiven a honra de presentar: "Nabí significaría o que grita palabras", é dicir, aquel que usa o verbo para conseguir o ben. E desde ese verbo loitado, este xudeu polaco nacionalizado francés recordounos que "cada neno que nace, xa estivo na ladeira do monte Sinaí", e xa que logo comprométese coas Táboas da Lei. Gritar palabras, ese é o combate nos tempos das espadas... Este artigo só tiña vocación de tímida homenaxe ás vítimas do holocausto, convencida da culpa que todo europeo ten no horror que desembocou en Auschwitz.

Pero o BNG obrígame a un engadido. Froito da empanada mental que determinados grupos de extrema esquerda padecen, este partido impediu que o Parlamento Galego aprobase unha declaración institucional de condena do nazismo e en memoria das vítimas. En coherencia con outros actos de corte antisemita -como a persecución a un militante, Pedro Gómez-Valadés, porque fundara unha Asociación cultural de amizade con Israel-, o BNG conseguiu o imposíbel: aliñarse coa extrema dereita. Será que os extremos se tocan. E será que, no nome dunha pretendida solidariedade cos palestinos, hai partidos de esquerdas que desprezan o horror nazi, que non senten ningunha piedade polas vítimas xudías e que son os culpábeis da banalización actual do holocausto. Máis aló das simpatías de cada cal cos protagonistas dun sanguento conflito que dura décadas, os millóns de europeos asasinados son vítimas puras, e o seu desprezo é unha vergoña lacerante. En fin. Un motivo máis para crer que determinada esquerda chega a tal nivel de dogmatismo que acaba sendo cómplice dos sectores máis reaccionarios da historia. Díxoo un deputado do BNG: "Os nosos amigos son a república islámica de Irán, Libia e Venezuela". Todo queda dito.


2,21/5 (14 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: