José Enrique Sotelo, ex-alcalde de Cangas polo PP e actualmente concelleiro na oposición por este partido, terá que declarar como imputado o vindeiro xoves 13 de marzo, no xulgado de instrución número 1 de Cangas, acusado dun delito de falsidade en documento público e prevaricación.
Todo comezou cando o concelleiro de urbanismo de Cangas, Mariano Abalo, da Alternativa Canguesa de Esquerdas, denunciou o daquela alcalde por ter asinado un aval técnico á empresa Hixitel Hixiene's, que ten por apoderado a o ex-alto cargo do PP Juan Manuel Casares. O amigo de Sotelo conseguiu que o ex-alcalde certificase a experiencia de catro anos da súa empresa na "xestión de aparcadoiros, así como realizando o asesoramento para a instalación e desenvolvemento das zonas de aparcadoiro vixiado", que realmente non existen na vila do Morrazo. Este documento avalou a concesión que a empresa do membro do PP, unida nunha UTE con Safyr, gañou para xestionar os parquímetros de Madrid. A causa aberta no xulgado cangués únese á xa existente no xulgado do contencioso número 3 da capital do estado, tamén con Sotelo como imputado, e as cousas semellan non estar moi ben para o popular pois, segundo afirma Abalo na súa denuncia, o documento,"a pesar de levar a sinatura do ex-alcalde e o cruño do Concello, non figura nin existe no concello de Cangas nin pasou polo Rexistro de Saída ni foi visado polo secretario".