Vén de botar a andar unha rede social aberta ao profesorado que aposta pola cultura do intercambio para a innovación e a mellora da práctica docente, polo traballo colaborativo coas TIC e polo labor de difusión de experiencias, materiais, ferramentas e recursos didácticos.
´Agora rede constituíuse por iniciativa de parte da comunidade blogueira do mundo do ensino co obxectivo de coordinar esforzos individuais e artellar proxectos comúns para a dinamización do ensino co uso das TIC. Tecida baixo a plataforma Ning, permite aos seus usuarios dispoñer dunha páxina propia na que crear artigos, subir documentos ou enviar mensaxes, poder crear grupos de reflexión e pescuda, participar nos foros, etc.
Segundo se recolle na presentación realizada en ticblog, "estase a crear un espazo na rede para que @s profesores/as poidamos compartir experiencias e coñecementos, tecendo así unha estrutura dinámica de intercambio social no eido educativo. No caso do ensino galego bótase a faltar unha coordinación dos esforzos que, na medida das posibilidades de cada un/unha, estamos a desenvolver un bo número de profesores/as. EducAstur na Comunidade asturiana, EducAragón na aragonesa, e tantos outros portais sustentados polas administracións educativas respectivas dan boa cobertura, coordinación e asesoramento a cant@s profesores/as desexen incorporar as TIC á súa práctica docente. Aquí en Galicia tamén temos un portal educativo: EduXunta, pero non funciona coma un lugar na rede onde publicarmos as nosas experiencias, opinións, enlaces ós nosos blogs, wikis, etc. Non coordina a incorporación das TIC ó ensino como moit@s pensamos que debería facerse. E así vémonos illados nos nosos centros e nos espazos que poñemos na rede para seren aproveitados e compartidos por outr@s profesores/as e pola sociedade educativa en xeral."