O tema da recuperación da memoria histórica, o recoñecemento das persoas
represaliadas durante ditadura e a supresión da simboloxía franquista non
son temas novos para a corporación municipal da Coruña. Nos últimos tres
anos ata en vinte e seis ocasións chegaron estes temas ao Pleno da
corporación.
Sr. Alcalde da Coruña
O tema da recuperación da memoria histórica, o recoñecemento das persoas
represaliadas durante ditadura e a supresión da simboloxía franquista non
son temas novos para a corporación municipal da Coruña. Nos últimos tres
anos ata en vinte e seis ocasións chegaron estes temas ao Pleno da
corporación. En dez ocasións foi solicitada a supresión da simboloxía
franquista e en cinco ocasións votáronse mocións para a retirada a Franco
dos títulos honoríficos de Fillo Adoptivo e Predilectísimo e Alcalde
Honorario, que non puideron debaterse e aprobarse porque non contaron co
apoio dos grupos municipais do PSOE e PP, a última no Pleno de 2 de abril de
2007, nun escrito dirixido a todos os grupos municipais, apoiado pola
Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, CIG, CCOO, CGT,
CNT, Foro da Memoria, Fundación 10 de Marzo, Agrupación Cultural Alexandre
Bóveda e Agrupación Cultural O Facho.
Estamos, xa que logo, ante unha clara falta de vontade política por parte
do Goberno municipal durante estes anos, que partía dun razoamento previo
que, para a CRMH da Coruña, é totalmente indigno e inxusto; tratábase de
conciliar o recoñecemento público a fascistas, ditadores e sublevados contra
un réxime constitucional, co recoñecemento a persoas que loitaron en defensa
da democracia e da liberdade. Como resultado desa lamentábel política,
permanecen e conviven rúas que honran a criminais e verdugos, con outras das
súas propias vítimas.
Por outra parte, rexeitábase sistematicamente a retirada da simboloxía
franquista, negando a evidencia; así, o alcalde Vázquez declaraba: “En esta
ciudad no hay símbolos franquistas, sino que hay símbolos históricos”. Esta
actitude do Goberno municipal foi acompañada dunha negativa a cumprir a
lexislación vixente; así, a entrada principal ao palacio municipal de María
Pita é presidida por un escudo franquista, que é ilegal desde 1981. Ante
esta evidente falta de respecto ás leis, esta CRMH tivo que dirixirse ao
propio Presidente do Goberno, José Luis Rodríguez Zapatero, demandando a súa
intervención, así como ao Valedor do Pobo de Galicia.
Na nosa cidade perviven monumentos como o de Millán Astray ou a placa de
homenaxe a Cánovas Lacruz –militar que estaba ao fronte dos militares
sublevados, que se levantaron en armas na nosa cidade en 1936 contra o
réxime constitucional- que son pezas únicas en toda España. Isto motiva que
cando os medios de comunicación abordan estes temas falen da Coruña como a
capital da simboloxía franquista. Os tempos son chegados, é hora de acabar
con esta vergoña e recuperar a dignidade.
Desde a CRMH da Coruña consideramos que non se debe retrasar máis a toma
de decisións, nin facelo fraccionadamente porque alongaría innecesariamente
a solución do problema. O Goberno municipal debería manifestar a súa vontade
política concretada na aprobación dunha moción polo Pleno da corporación.
Esta CRMH ofrécese ao concello para proporcionar a axuda técnica para
executar dito acordo, así como a información necesaria sobre os miles de
concellos de Galicia e de toda España que xa retiraron as súas rúas
franquistas e os títulos honoríficos ao ditador Franco, como fixeron nos
últimos meses os concellos de Girona, Lleida, Sabiñánigo, Avilés, Sada....
Non se pode xustificar o retraso na actuación falando de evitar “molestias
aos veciños”, ignorando que na rúa “Disciplina”, antes “Liberdade”, por
exemplo, viven 10 veciños e que cando o Goberno municipal de Madrid decide
cambiar o nome da avenida do Generalísimo polo paseo da Castellana, había
miles de persoas, empresas e comercios afectados. Por outra parte, pensamos
que a retirada da simboloxía franquista non debe facerse de forma
clandestina e vergoñenta, senón a plena luz do día, con luz e taquígrafos,
previa aprobación solemne polo Pleno da corporación.
Esta CRMH comparte as palabras pronunciadas polo concelleiro de Fene
–hoxe alcalde- Iván Puentes Rivera, no Pleno da Corporación de 23 de
decembro de 2006, presidido por Xosé María Rivera Arnoso, no que se
condenaba o golpe de Estado de 1936 e revocaba o acordo plenario que nomeaba
a Franco Alcalde Honorario do concello de Fene: “ Recordar, recuperar a nosa
memoria histórica, non é revisar ou reescribir a historia, non é falar de
vencedores nin vencidos, nin sequera de bos e malos; non é tampouco axustar
contas, nin buscar ningún tipo de revanchismo, nin abrir vellas feridas.
Recuperar a nosa memoria é introducir na historia a unha parte da nosa
sociedade, que foi deixada fóra dela, e dignificar o labor de veciños e
veciñas que traballaron por todos nós; é abandonar os nosos medos e os nosos
complexos e sentirnos orgullosos do noso pasado.
Hai quen defende a permanencia destas distincións apelando a que é
historia. Efectivamente, e afortunadamente, Franco é historia, e a historia
está para ser coñecida e, no caso de historias negras como a da ditadura
franquista, está para non ser repetida. Pero as distinción oficiais dunha
institución como o concello de Fene están para dignificar, para agradecer e
para recoñecer publicamente o labor de persoas que traballaron en positivo
por este pobo e polos seus veciños. Algo que desde logo no fixo o ditador
Francisco Franco, responsable do asasinato, persecución e tortura de centos
de feneses e fenesas. Polo tanto, resulta humillante e, se se me permite,
ata insultante para calquera cidadán minimamente comprometido cos valores de
liberdade e democracia, ter como máximo mandatario, aínda que sexa a título
honorario, a un ditador como Franco”.
Presentamos esta proposta de Moción –a vostede, Sr. Alcalde, e a todos os
grupos municipais- para que sexa debatida e aprobada polo Pleno da
corporación da Coruña:
----------------
MOCIÓN sobre a recuperación da memoria histórica, recoñecemento ás vítimas
da ditadura, a retirada da simboloxía franquista e dos títulos honoríficos
ao ditador Franco.
Exposición de motivos
(os contidos son copia literal da Lei da Memoria
Histórica)
O 27 de decembro de 2007 o Boletín Oficial do Estado publicaba a Lei
52/2007, de 26 de decembro, pola que se recoñecen e amplían dereitos e se
establecen medidas en favor de quen padeceron persecución ou violencia
durante a guerra civil e a ditadura, coñecida popularmente como Lei da
Memoria Histórica.
Os tempos son chegados. É hora de que o concello da Coruña acompase as
súas actuacións co espírito e a letra da citada lei. En primeiro lugar, e
como recolle esta lei, cunha condena expresa do franquismo e das graves
violacións de Dereitos Humanos cometidas en España entre 1939 e 1975. En
segundo lugar, honrando a memoria de todos os que sufriron inxustizas e
agravios por motivos políticos ou ideolóxicos, perderon a vida ou a súa
liberdade, padeceron prisión, deportación, confiscación dos seus bens,
traballos forzosos, internamento en campos de concentración, ou tiveron que
exiliarse. En terceiro lugar, levando a cabo políticas públicas dirixidas ao
coñecemento da nosa historia e ao fomento da memoria democrática. En cuarto
lugar, retirando os escudos, insignias, placas e outros obxectos e mencións
conmemorativas de exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar,
da Guerra Civil e da represión da Ditadura.
Con estas actuacións o concello da Coruña quere contribuír a pechar
feridas, aínda abertas, da cidadanía que sufriu, directamente ou na persoa
dos seus familiares, as consecuencias da traxedia da Guerra Civil ou da
represión da Ditadura. Así, non só resulta recoñecida e honrada esta
cidadanía, senón tamén a Democracia no seu conxunto. Todo isto co obxectivo
de fomentar os valores e principios democráticos, facilitando o coñecemento
dos feitos e circunstancias acaecidos durante a Guerra Civil e a Ditadura.
Por todos este motivos, sometemos á consideración do Pleno da corporación
municipal a seguinte proposta de
ACORDO
1. Facer unha condena do franquismo, así como das graves violacións de
Dereitos Humanos cometidas en España entre os anos 1939 e 1975.
2. Honrar a memoria das persoas que loitaron pola defensa dos valores
democráticos, falecidas a consecuencia da Guerra Civil de 1936-1939 e da
represión política que a seguiu.
3. Revogar o acordo municipal de 10 de outubro de 1936, que declaraba
ao ditador Francisco Franco Bahamonde “Fillo adoptivo e predilectísimo da
Coruña”. Revogar o acordo de 23 de xuño de 1939 que declaraba a Franco
“Alcalde Honorario”. Revogar o acordo municipal de 5 de novembro de 1943 que
nomeaba a Juan Canalejo Castells “Fillo Predilecto”.
4. Retirar a estatua de Millán Astray no prazo de seis meses.
5. Proceder no prazo de seis meses á retirada da simboloxía franquista
do palacio municipal de María Pita: o escudo da ditadura, situado na
vidreira da escaleira principal, que é ilegal desde 1981; a placa que lembra
a inauguración desta escaleira por Franco e o baixorrelevo de madeira do
Salón de Pleno no que aparece Franco de requeté, rodeado de fascistas e da
Garda Moura.
6. Retirar a placa de “Cantón de José Antonio”, que hoxe é,
oficialmente, “Cantón Pequeno”.
7. Suprimir as seguintes rúas: avenida e praza dos Caídos, División
Azul, Alférez Provisional, Sarxento Provisional.
8. Constituír no prazo de seis meses o Consello Coruñés da Memoria, que
tería entre os seus obxectivos: fomentar os valores e principios
democráticos, promover o coñecemento e reflexión sobre o noso pasado, para
evitar que se repitan situacións de intolerancia e violación de dereitos
humanos, e preservar os documentos relacionados con ese período histórico.
Dito Consello –aberto á participación de todos os grupos municipais,
entidades e persoas que traballan pola recuperación da memoria histórica-
elaborará, no prazo de seis meses desde a súa constitución, unha relación de
rúas con denominacións franquistas ou que homenaxean aos vencedores, para a
súa substitución por outras democráticas, solicitando, se fose preciso, a
colaboración do Goberno, tal e como recolle o artigo 15.3 da Lei da Memoria
Histórica.
9. Facer xestións diante dos ministerios de Defensa e de Fomento para a
retirada da placa situada nun lateral do palacio de Capitanía, que homenaxea
a Cánovas Lacruz, militar ao fronte da guarnición militar da cidade, que se
levantou en armas contra o réxime constitucional da República; e para que se
retiren os escudos da Ditadura das fachadas do cuartel de Atocha,
Comandancia de Marina, Aduana e Correos.
10. Facer xestións ante a Xunta de Galicia e os distintos ministerios
par que sexan cambiados o nome do Hospital Juan Canalejo -foi o fundador da
Falanxe da Coruña, organización fascista que estivo ao fronte de numerosos
crimes contra os demócratas e republicanos- así como os nomes relacionados
co franquismo doutros servizos, entidades ou organismos públicos.
A Coruña, 31 de xaneiro de 2008