A sociedade cultural Madia Leva! de Lugo celebra, o vindeiro domingo 18 de novembro, o cabodano da I Asemblea Nacionalista, celebrada na capital luguesa en 1918 e xermolo do nacionalismo galego actual.
"Pola autonomía integral da nazón galega": baixo este título, extraído do Manifesto de Lugo, a Sociedade Cultural Madia Leva conmemorará o vindeiro domingo o LXXXIX aniversario da Asemblea Nacionalista de Lugo que, en 1918, xuntou aos persoeiros da Irmandades da Fala e supuxo o xermolo do nacionalismo galego contemporáneo.
O programa de actos arrincará o propio domingo, 18 de novembro, ás 13:00, diante do Hotel Méndez Núñez, na Rúa da Raíña, no mesmo lugar onde hai oitenta e nove anos se celebraba a Asemblea. Una acto simbólico, unha ofrenda floral e a intervención dun membro da sociedade cultural completarán o acto central da conmemoración. Xusto despois, ás 14:30, o centro social Madia Leva!, na Rúa Amor Meilán, 18, acollerá un xantar popular. A S.C. Madia Leva! pechará as celebracións o sábado, 24 de novembro, cunha conferencia do historiador Xurxo Martínez baixo o título "O Manifesto de Lugo", no propio centro social.
+info: Sociedade Cultural Madia Leva!