"Galiza non se vende" reunirá en Compostela á meirande parte das sociacións ecoloxistas de Galiza. Será o sábado 20 de outubro ás 12 h. na Galería Sargadelos
O pasado 6 de maio tivo lugar en Compostela unha manifestación organizada pola práctica totalidade das organizacións ecoloxistas galegas. O motivo que impulsou esta convocatoria unitaria foi a degradación do territorio por mor do urbanismo desmedido, a contaminación das rías e do litoral, a depredación causada polas minas a ceo aberto, a invasión polas piscifactorias dos espazos protexidos, as plantas de gas e as celulosas contaminantes, etc. Aquel acto apoiado por milleiros de persoas e por representantes do mundo da cultura, non tivo o eco desexado no interior de goberno. A realidade amosou que os fortes intereses económicos inherentes ás empresas prevalecen sobre a defensa medio ambiental do territorio. Proxectos como os de Reganosa, o Plan Acuícola ou as minas do Courel, por poñer algún exemplo, seguen adiante a pesar de conculcar a legalidade vixente. O movemento que o 6 de maio se aglutinou arredor do lema “Galiza non se vende” segue vivo e non renuncia a conseguir un cambio de rumbo na andaina depredadora de certas empresas. O desenvolvemento industrial e económico non é tal se non vai acompañado dunha protección eficaz das nosas rías, da terra e do aire que respiramos. Por estas razóns, a Rede Litoral Vivo, na que se integran máis de vinte asociacións ecoloxistas, chama a unha xuntanza que se celebrará o vindeiro sábado día 20 ás 12 h. na Galería Sargadelos de Compostela. Pregamos a asistencia de todos os colectivos cidadáns, organizacións ecoloxistas, representantes da cultura e calesquera cidadáns que sintan a necesidade ineludíbel de opoñerse á perda do privilexiado hábitat galego, o que mellor define a nosa identidade.