Antes expropiaba o Estado en nome do “ben común”, para facer unha estrada ou un embalse. Agora, as grandes empresas poden expropiarnos para facer unha urbanización, ou unha piscifactoría, ou poden industrializar o monte en man común. Levaban anos falando de que a propiedade privada é sagrada, e eu, coitado, non o entendín ben. A sua propiedade é sagrada, a nosa non.
O último intento de “privatizar” o que é dos veciños, contando coa sua oposición e mais a dos Concellos da zona, estase a producir na Groba, entre o Val Miñor e o Baixo Miño. Unha serra de gran interés ecolóxico, onde viven miles de cabalos de raza pura galega, e onde existe un importantísimo patrimonio agora en perigo: mámoas, petroglifos, elementos etnográficos, lugares nos que se rexistraron achados importantes (bifaces, cerámica, etc.)
O próximo Domingo día 7 de Outubro, SOS GROBA organiza un roteiro pola Serra da Groba que se chamará: "Dia das aves". Durará todo o día polo que haberá que levar comida e bebida. As saídas serán: as 10:00 da estación de bus de Vigo e as 11:00 da Praza de Abastos de Sabarís. Salvemos Monteferro convoca tamén a os seus socios e simpatizantes e a todo o pobo a ese roteiro organizado por SOS GROBA.