Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Manifesto público de afiliados da CIG sobre a planta de Reganosa

As persoas abaixo asinantes, sindicalistas, delegadas de persoal, de comités de empresa e xuntas de persoal, así como afiliadas en xeral, todas integrantes da Confederación Intersindical Galega [CIG], diante do conflito social que xera a imposición da instalación dunha planta regasificadora dentro da angosta Ría de Ferrol queremos manifestar o que segue.

Enviada por tacher tacher o 01/10/2007 11:14

Que estamos a favor da reindustrialización da nosa comarca, como xeito de criar riqueza, para mellorar as condicións de vida da cidadanía; estamos pola creación de postos de traballo para as persoas desempregadas, para a mocidade que agora se está formando, para as persoas que queiran mellorar no emprego e mesmo para as persoas imigrantes que queiran compartir o noso espazo para viver e traballar. Mais non apoiamos unha reindustrialización a calquer prezo. Somos conscentes de que o impacto medioambiental cero non existe, toda industria produce un impacto, mais si existe a reindustrialización racional e desenvolvimento sostíbel, e mesmo a necesidade e posibilidade de recuperación de espazos que noutro momento destruímos.

Que non podemos entender como, despois da construción do porto exterior, de grande impacto ambiental para a nosa Ría , coa disculpa de que ía a albergar o porto carboeiro; a desgasificadora, e unha futura planta de gas, para servir á central de ciclo combinado que daquela se estaba a proxectar nas Pontes, a planta regasificadora acabou-se por construír en Punta Promontorio, dentro da Ría e a poucos metros dun complexo petroquímico que xa viña ameazando aos lugares poboados próximos e á propia Ría. O que só se pode entender pola existencia de corrupción e intereses políticos e económicos inconfesábeis.

Que os buques gaseiros teñen que cruzar un angosto canal que ten unha bocana de apenas 150 metros de ancho navegábeis [ entre boias], e 4.000 metros de longo, para chegar á planta regasificadora de REGANOSA. Co problema engadido de que esta operación só se pode realizar en mar morta, da pleamar diúrna, que apenas dura vinte minutos. Na citada operación participan catro remolcadores, lanchas de prácticos, de operarios de Capitanía Marítima e varias patrulleiras da Guardia Civil. Podemo-nos imaxinar o enorme custe económico que isto supón. Este é un feito que se ven repetindo desde principios de maio deste ano 2007. Xa van sete buques cargados con GNL que entraron na Ría, iso que está en probas. Teñen previsto que sexan 52 ao ano, mais están pedindo que poda duplicar a súa produción o que significaría duplicar o número de buques.

Que a Regasificadora ten imposibilidade física de cumprir a Lei, e os condicionados de seguridade exixidos polas normativas estatais, europeias e internacionais, para este tipo de industrias. Reganosa non pode cumprir os condiconados de distancia a núcleos de poboación, pois toda a parroquia de Meá, que lle rodea, está densamente poboada, a vila de Mugardos está a menos de 800 metros e Ferrol, o Arsenal Militar e Navantia-Ferrol a uns 1500. O outro condicionado de seguridade, tampouco o pode cumprir, pois en caso de emerxencia, a normativa en vigor, obriga a saír ao buque polos seus propios medios a mar aberto, é evidente que non pode. Mesmo hai dúas sentencias favorábeis á cidadanía do TSXG, que anulan a falsa tramitación ambiental de REGANOSA.

Que a planta regasificadora de Punta Promontorio, non só ameaza a seguridade e a vida das persoas, senón que os mariscadores e mariscadoras ven ameazados os seus postos de traballo co impacto ambiental negativo, da tecnoloxía de vaporización por auga mariña que utiliza REGANOSA, e a paralización da actividade en certos bancos marisqueiros cando entra ou sae un buque gaseiro.

Que a loita contra esta planta regasificadora, non é algo que se lle ocurrira a alguén formular agora, senón que se leva desde o ano 2000 nesta loita, muito antes de que comezase a súa construcción, mais o que si é certo é que houbo un muro de silencio mediático a todo o que significara a oposición a esta planta regasificadora dentro da Ría. Muros que comezaron a desmoronarse o 9 de maio deste ano co bloqueo do metanero Galica Spirit.

Diante disto:

MANIFESTAMOS

Que estamos no convencimento de que, REGANOSA é unha ameaza para a seguridade e a vida de miles de persoas, a Ría e a súa riqueza marisqueira, poñendo en perigo os 600 postos de traballo que esta xera.

Polo que demandamos:

1º Ao Goberno Central que ten competencias para decidir que, en base a eses condicionados non resoltos, non sexa aprobada a acta de funcionamento definitivo de REGANOSA.

2º Á Xunta de Galicia para que renuncie á herdanza envelenada do caso REGANOSA, e así mesmo, reoriente a súa política enerxética para que deixe de ser unha ameaza para a Ría e para a vida de miles de persoas de Ferrol Terra.

3º Ao Concello de Ferrol para que acorde dirixirse ao Tribunal Supremo a fin de que faga firme a sentenza 536/2004 favorable á cidadanía de Ferrol e que anula a falsa tramitación ambiental de REGANOSA.

4º Ao Concello de Mugardos, para que revise as licenzas, permisos e acordos con REGANOSA, que están ameazando a vida e os intereses da veciñanza.

Así mesmo demandamos lle sexan retiradas ás denuncias e sancións aos traballadores e traballadoras do mar, derivadas da defensa da Ría e dos seus postos de traballo.


4,1/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: