Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Cambre debe priorizar a dotación de equipamentos para os veciños antes de andar regalando patrimonio



O ofrecimento de “villa a Concepción” no Seixal, destapa contradicións no goberno local de Cambre



Enviada por anton anton o 30/09/2007 22:54

O grupo nacionalista de Cambre quixo, mediante un comunicado público, destacar as contradicións do actual goberno local. Referíronse ao ofrecimento “dun concelleiro do goberno” a ceder o uso do edificio catalogado do Seixal, Villa a Concepción, para sede da futura Área Metropolitana, e ás diferentes alternativas que para este edificio se teñen dado, nestes meses, por parte de distintos membros do executivo local.

Pídenlle ao goberno local que se aclare antes de andar lanzando “ocurrencia tras ocurrencia” que o único que demostran, según portavoces locais do BNG, é a falla dun programa de goberno e dun plan de traballo consistente. “Durente estes poucos meses, esta casa, pasou por estar destinada a casa da xuventude, centro da terceira idade, centro socio-cultural, biblioteca,...,e agora sede da área metropolitana”, recordou Xabier Iglesias, indicando que precisamente este barrio é o máis populoso do concello e o máis necesitado de equipamentos socio-comunitarios. “Cambre non está como para andar regalando infraestructuras a outras administracións. Sería a segunda vez que dotacións necesarias para a nosa poboación son cedidadas a cambio de nada, manteñen os nacionalistas, en relación a que o mellor equipamento do barrio xa fora regalado polo Alcalde para cuartel da Guardia Civil. “Non decimos que eses usos non poidan aportar algúns beneficios, pero dotarse deles é competencia de cada unha das institucións responsabeis e Cambre ten que marcar outras prioridades que pasa por atender ás necesidades dos seus veciños e veciñas”.

En opinión do BNG este patrimonio, o da casa da Concepción, é un caso moi similar ao das casas “Vellit” (tamén na N-VI), moi proximas ao Seixal. Adquiridas por convenios urbanísticos o Concello máis que facerse cun patrimonio, faise cargo dun problema. Isto debido a que nos dous casos os edificios estaban catalogados e supuñan unha dificultade, un problema, para os promotores e propietarios (non se poden derrubar ou modificar). Así cédenllas ao concello nunha total precariedade, sen restaurar e sen facer unha soa inversión nelas, sen espazos para viais e aparcamentos e, por riba, o concello ten que adicar os rendementos que obten dos convenios urbanísticos á súa reabilitación e, despois, nin siquera sabe que facer con elas.

Por outra banda, insistindo no das contradicións do goberno, desde o BNG comentan a sorpresa que provoca que “un concelleiro do goberno local” ofreza ao Conselleiro de Presidencia un edificio –como se fora da súa propiedade – para sede dunha futura Área Metropolitana, mentras, o propio Alcalde declara publicamente ser contrario ao proxecto metropolitano proposto dede Presidencia. “Dá a impresión que o goberno local de Cambre non dialoga, xa non coa oposición como ten demostrado este tempo, senón tamén dentro do propio goberno”.


4/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Cambre debe priorizar a dotación de equipamentos para os veciños antes de andar regalando patrimonio