Levamos certamente máis de cinco lustros mareando o paspallás dun conflito lingüístico e moitos bailaron e bailan o rigodón dende a posición do nacionalismo galeguista considerando ó resto de bailadores víctimas da síndrome do autoodio que tan bos resultados dá a quenes durante estes anos viñeron facendo da lingua galega o seu feudo particular: edicicións subvencionadas polos asistentes ó baile que nas máis das veces morrían nas bibliotecas por falla de lectores... e dándolle outra voltiña dicían que as obras en galego non se lían porque compría críar os seus lectores primeiro... e así naceron os 'escritores didácticos' que fixeron dende traduccións ó galego ata creacións de dubidosa calidade e asolagaron ós centros de ensino 'obrigando' á súa lectura ós seus alumnos durante décadas.
Xa tiñamos criados os lectores da nova cultura galega. E como sómentes os autores nacional-galegos tiñan o control da distribución destas xoias literarias converteronse pouco a pouco nunha clase culturalmente poderosa que ano a ano énchese a sí mesma de regalías e premios criados para a ocasión.
A finalidade era boa e xenerosa: rescatar do esquecemento a lingua do común... só que estes cidadáns xa non vivían no común nin sabían dil máis que cando se documentaban (xenerosamente pagados con bolsas de investigación) para poder escribir os seus ensaios -poucos- e maiormente novelas que fabulaban un mundo de soños tan irreal coma as súas propias vidas culturais.
Pero tódolos galegos sentíamos que estaban a facer unha tarefa necesaria e por iso bailabamos en harmonía para que a obra chegara a sorprender pola súa calidade a tódolos lectores desta terra e fóra dela... e chegaron as traduccións inversas e fixeron aínda máis fortes ós que acubillados no pesebre lingüístico saltaron por riba das fronteiras do Padornelo enchendo de best-sellers as librarías da España... e fixeron películas que chamaron films.
Só que esta andaina estabase a producir sobre a mesma base social de clase deste país chamado Galicia: 'o idioma galego, na prática social, tivo sempre unha connotación de clase' (dí Beiras) e estes novos criadores da lingua non ían ser distintos ós demáis bailadores do común e tamén eles convertíronse en CLASE DISTINTA, en clase intelectualmente illada da poboación galega que retornaba da emigración con cartiños frescos e con ideas traídas de fóra do país: viñan a gañar cartos coma o fixeran durante toda a súa vida e non eran nin galeguistas nin nacionalistas, eran galelos enriquecidos alén de Galicia.
E o baile continuou... sendo estes galegos cáseque analfabetos na lingua escrita nin leron xamáis as obras da nova clase erudita do país, nin siquera entendían a fala nova dos 'normalizadores' que agora revestíranse de pontífices da lingua ensinándollela ós fillos dos que sempre falaran 'a lingua proletaria do seu povo' e o resultado -non podía ser outro- foi transmitir unha nova diglosia nesta terra: o galego normativo identificado cos intelectuais alonxados da vida do común versus o galego proletario dun pobo que sempre tivo que buscarse a vida máis aló das subvencións institucionais.
E agora o señor Manuel dí que el xa non comprende ó seu neto, pero gústalle escoitar como fala o galego culto que lle ensinaron na escola; que il xa non se atreve a falalo porque o fala mal, e hai que ver o que se adiantou dende que ía á escola e prohibíanlle falar coma na casa; que agora as cousas son moi distintas e que todo mudou.
Resumindo temos, xa pois, dúas diglosias en catro xeracións: a miña que foi daqueles que nunca tivemos a oportunidade de estudiar o galego na escola e que fomos aculturados en español, e a do neto do señor Manuel que fala un galego culto adeprendido durante anos de estudos e pescudas etimolóxicas que faino ser un nacionalista de honra en tódolos mintideiros do pais agás na casa propria, na que se lle admira polo ben que fala o galego de hoxendía. E menos mal que o neto do señor Manuel non lle saiu reintegracionista.
Se a glotofaxia é andar a comer linguas: neste país, querido Beiras, moitos comen da lingua dabondo como para virnos a predicar o xexún no sermón da cuaresma a tódolos demáis.
Por non deixar nada do teu discurso esquecido, direi cos 'exércitos inmemoriais de emigrantes na diáspora plurisecular' non saben siquera de que lles falas, pois iles nunca adeprenderon (nin á forza) os idiomas das terras cos acolleron (agás o español na América) pois durante lustros acadaron tan só unha moi escasa competencia lingüísica en francés ou alemán para ir tirando nas súas vidas de 'obreiros asalariados' dende a mañanciña que deixaban o leito quente para chegar á Farme ou á Firma onde os días pasaban lentos e pesados mentras íanse enchendo de morriña por dentro pensando a cada hora que carallo facían alí, tan alonxados da casa e da terra que levaban no corazón. Outros, máis ousados, pasaron anos a berrarlles catro palabras malamente articuladas ós compañeiros de traballo pensando que así os entenderían mellor: pois eran eles -os alemáns- os que tiñan a cabeza cadrada e non daban aprendido o galego que era o idioma no que se podía falar de verdade das cousas importantes (terceira diglosia ou simplemente negarse a ver o mundo como é).
Para non cansar máis ós sofridos lectores direiche que xa é hora de quitar á mascarita e falar claro das 'vantaxes culturais' de moitas Emilias Pardo Bazán que aínda quedan nesta terra disfrazadas de normalizadores lingüísticos e que ditan Decretos dende os seus privativos Pazos da Ulloa.
Decretos que lonxe de permitir acadar a normalización lingüística do galego o convertirá no mellor dos casos nunha 'lingua administrativa' e no peor fará que moitos profesores polo medo ás denuncias e ós expedientes disciplinarios o falen a berros, como o Juanito que levaba xa coarenta anos na Alemaña pero eran os teutóns os que non estaban capacitados para entendelo a il...!
As cousas non son como parecen, sempre aparecen como son: e coma pobo que fala cada día o que lle peta, e o que sabe e o que pode falar... dígoche
que teñas coidado de non esquecer a liberdade da fala deste pobo galego, pois as cousas nunca nos viñeron darriba... que sempre tivemos que procuralas
dende abaixo e seguiremos a facelo malia os que pensan cas súas razóns son as únicas que poden levar ó galego a converterse en algo que nunca foi.
Somos galegos, falamos dúas linguas, somos libres de facelo nesta terra despois de anos de 'andar a berros' polo mundo...!
Erasmo.
Amante da súa Lingua e da Liberdade.