19 de xullo de 2007. No día de onte, numerosos colectivos de afectados/as e asociacións ecoloxistas reunímonos en Compostela para coordenar as accións de resposta á proposta insustentábel de novo Plano Acuícola presentado pola consellería de Pesca. Acordamos presentar alegacións conxuntas e pormenorizadas ao documento e apoiar as diversas accións que cada plataforma desenvolva a nível local. Como primeira acción, concentrarémonos este vindeiro sábado 21 ás 5 da tarde contra a ampliación da piscifatoría de Stolt en Quilmas (Carnota). Alto á especulación co noso Patrimonio Natural!
Na xuntanza estiveron presentes representantes dos colectivos veciñais de Seráns (Porto do Son), Corrubedo (Ribeira), Quilmas (Carnota), entidades conservacionistas de Ribeira (Raposo) e O Salnés (CES) e representantes da Federación Galega de Confrarías. ADEGA expúxolles o contido do novo Plano Acuícola e informou das características e impactos (ver análises) que estas macroinstalacións van ter sobre o noso litoral e os seus recursos.
ADEGA porá a disposición dos colectivos e da veciñanza os medios e o asesoramento técnico preciso para poder fundamentar as alegacións, cuxo prazo remata o vindeiro 30 de agosto.
ADEGA informou tamén das iniciativas levadas a cabo dende a presentación pola Xunta a primeiros de ano dos criterios para redactar un novo Plano Sectorial. Desgrazadamente, as nosas propostas foron rexeitadas de plano, e a consellería de Pesca presenta un Plano Acuícola fortemente insustentábel non só ecolóxica senon tamén socialmente: alén de recibir cuantiosas subvencións públicas (máis do 50% do investimento), a xeración de postos de traballo é moi baixa (arredor de 270 empregos para os peixes planos, datos do Clúster da Acuicultura), se se compara cos empregos derivados do aproveitamento dos recusos do noso mar (pesca tradicional, marisqueo e acuicultura a flote). Só o cultivo do mexilón da traballo directo a máis de 13.000 persoas.
Estes e outros datos conforman a realidade dun sector, a acuicultura en terra, que lonxe de ser estratéxico para Galiza como se di no documento, non hai dúbida que o é para os seus promotores: subvencións públicas de até o 50%, ausencia de gastos de depuración, ínfima criazón de emprego...
A Xunta, con esta proposta está a desbaldir o auténtico potencial do noso litoral, esquecéndose de que temos uns dos mares máis produtivos do mundo. Só cómpre coidar o medio mariño, eliminando os impactos que produce a contaminación e o urbanismo salvaxe, fomentar as boas práticas pesqueiras, investir en produtos de calidade e explotacións tradicionais respectousas co entorno..., en definitiva, apostar polo país.
Iniciativas como as de Mardelira ou as dalgunhas confrarías que apostan por valorizar e coidar os recursos naturais deberían servir de exemplo á consellería de Pesca, en troques de empeñarse en enaxenar os millores treitos de costas ás transnacionais do sector para cultivar os peixes en terra.