Adeus píllara papuda, benvida Bandeira Azul
17 de xullo de 2007. A masiva
afluenza de visitantes ás praias e o
desleixo dalgunhas administracións máis preocupadas por atraer o turismo que por conservar o medio, están a provocar a rápida
degradación dalgúns ecosistemas dunares, da súa fráxil fauna e flora. Tal é o caso da praia da
Corna, entre O Caramiñal e Ribeira, o campo dunar millor conservado do N da ría de Arousa. Alí, unha recente
"limpeza" con maquinaria pesada estragou a niñada da única parella de
píllara papuda deste contorno. Iso si, a praia loce a Bandeira Azul...
Non todo vale para atraer ao turismo!
Enviada por
ADEGA
o 17/07/2007 14:56
A píllara papuda ou píllara das dunas (Charadrius alexandrinus) é un pequeno limícola que aniña na parte superior das praias, ao pé das dunas vexetadas. Deposita os seus ovos de abril a xullo directamente na area e os choca durante 25 días. A cría dos polos demórase outros 25. Esta especie é moi sensíbel á alteración do seu hábitat pola intrusión das persoas e animais domésticos que inconscientemente, escorrentan aos adultos e derraman as niñadas. A desgrazada circunstancia de que a súa posta e cría coincide coa tempada estival e o incremento do turismo en praias antes virxes, está a provocar o rápido descenso desta especie en Galiza. Como factor engadido de distorsión, a utilización de maquinaria pesada para a limpeza das praias está a provocar a perda de moitas niñadas. Dende ADEGA e outros colectivos como ANABAM temos recomendado a utilización de medios máis selectivos como a limpeza manual das praias, procurando non retirar máis que o lixo antrópico ou mesmo non actuar durante a época de cría. Malia a ser unha especie ameazada, incluida no recente Catálogo Galego de Especies Ameazadas, as iniciativas para a súa protección e recuperación viñeron sempre da man de colectivos como ADEGA ou ANABAM. Neste senso, e malia a ter comunicado á D. X. de Conservación da Natureza a presenza da píllara papuda nas dunas da Corna, nin a Xunta nin a administración municipal (A Pobra e Ribeira) foron quen de evitar o continuo deterioro do seu hábitat. Cómpre lembrar que para as dunas da Corna hai aprobado dende 1995 a iniciativa dos ecoloxistas (concello de A Pobra) un proxecto para regulamentar os accesos rodados e diminuir a presión sobre o medio que dende aquela durme o sono dos xustos. Máis recentemente ADEGA ten apresentado un proxecto de rexeneración para esta área dunar que comezará este verán e combinará actuacións de protección sobre o medio con actividades de Educación Ambiental, para fomentar as actitudes de respecto e coidado polo contorno.
Lamentabelmente, este ano pode ser xa tarde para a píllara pero ADEGA quer insistir ante os concellos e a consellería na necesidade de atender ao estado ecolóxico do litoral denantes de humanizalo con infraestruturas que, como os paseos marítimos, están a degradar as últimas praias virxes do país. As bandeiras azuis tampouco son garantía de calidade ambiental, só certifican a salubridade das augas. Velaí o exemplo da Corna e de tantas outras. A este respeito, nun recente simposium celebrado o pasado outubro en Vigo, o profesor Anton MacLhalan, experto en ecoloxía de praias, propuxo que para a concesión das bandeiras azuis se contemplen en maior medida os aspectos medioambientais máis que centrarse nos servizos para os usuarios/as.
Non todo vale para atraer ao turismo!