Desque comezou a polémica polo Decreto do galego, veñen aparecendo publicadas moitas opinións que sustentan as teses da plataforma "Tan gallego como el gallego" desde unha óptica (neo)"liberal" que gusta de subliñar o seu máis sincero respecto pola lingua galega.
Honestamente, os discursos deste tipo que apelan á liberdade e ao "buen rollito" do bilinguismo harmónico, na práctica, o único que supoñen é que agora os que levan séculos esganando o galego van ter a delicadeza de facelo con luvas de veludo e os modais dun gentleman. O linguicidio vai ser consumado, si, pero en acordo ás normas da máis requintada etiqueta "liberal e democrática".Estas propostas, na miña opinión, na boca dalgúns agachan o cinismo máis cru e noutros casos fan patente a extrema alienación que sofren algunhas vítimas, unha sorte de síndrome de Estocolmo lingüística.