 
 
A plataforma 'Galicia, Mellor Sen Touradas' convida a protestar nas redes sociais contra a feira taurina coruñesa.
A presenza do alcalde da Coruña, Xavier Losada, nas redes sociais serviu de base para que a plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas impulse a campaña Quéixate a Javier!, dirixida a que todo internauta galego poida protestar pola subvención municipal á feira taurina a través de sistemas como Twitter ou Facebook. 
  Aínda que na Coruña o interese polos festexos taurinos é minoritario, afirman desde o colectivo, o Concello subvenciona con 128 mil euros a feira taurina da cidade, cantidade que non sufriu recorte algún por mor da crise, a diferencia doutras actividades lúdicas. "Estímase que no 2009, ao redor de 11 mil persoas acudiron aos festexos", apuntan. 
  Desde a plataforma abolicionista consideran que a campaña presentada facilita as queixas e protestas ao consistorio, co rexedor á fronte, xa que -din-, "o alcalde non respostou ningún dos correos electrónicos enviados", e desde o Concello "négase a implicación no patrocinio e impulso da feira taurina". 
  Quéixate a Javier! é a primeira campaña destas características lanzada no Estado, onde se aproveita o impacto e confluencia das redes sociais entre a cidadanía e os políticos. Por outra banda, o 9 e 10 de xullo, a cidade acollerá o III Seminario Internacional pola Abolición da Tauromaquia, en colaboración coas concellarías de Cultura e Mocidade.
 
						 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto