A Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega presenta unha nova iniciativa na rede.
Atalaia. Arte Contemporánea en Galiza é unha iniciativa na rede da Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas, do Consello da Cultura Galega, aloxada na súa web, para ofrecer aos usuarios unha achega informativa inédita, actualizada e sistemática do contexto artístico actual no noso país.
No acto de presentación, esta cuarta feira, interviron: Ramón Villares, presidente do CCG, e María Luísa Sobrino e Seve Penelas, coordinadora e membro da sección artística, respectivamente. "É unha mostra excelente do que queremos facer desde o CCG: proxectar a cultura e a imaxe actual de Galiza ao maior número posíbel de persoas", afirmou o primeiro.
Sobrino explicou que Atalaia abre unha panorámica (Artistas e Obras) sobre os creadores en activo máis representativos, con obras e exposicións nos museos, centros de arte, fundacións, galerías e salas de exposicións, así como un arquivo (Eventos), que permitirá coñecer as actividades e programacións expositivas e recollidas nun directorio (Espazos).
Tamén hai lugar para outros recursos (Publicacións), para poder coñecer o que se está a editar en Galiza no eido das revistas de arte, catálogos, libros e todo o que facilite datos para a investigación e o coñecemento.
Atalaia incluirá tamén un destaque cada día dun artista na portada (Hoxe...); os proxectos de comisariado online (Itinerarios), onde diferentes profesionais do sector farán unha escolma de 10 obras para trazar un percorrido persoal, explicadas con máis detalle en formato audio; e tamén a información relativa á arte contemporánea (Noticias).
Nun futuro próximo ampliarase con outros capítulos sobre o resto dos profesionais e recursos do sector, ademais dunha xeira de enlaces e ligazóns de utilidade.
Responsábeis
O portal cultural do Consello da Cultura Galega está dirixido polo xornalista Manuel Gago. Do deseño de Atalaia, canda Gago, encargáronse: Daniel López, Victor E. Pérez, Arantxa Pérez e Clara Rodríguez.
Da Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas, que coordina María Luísa Sobrino, forman parte: Camilo Franco, Federico López Silvestre, Carme Nogueira, Antón Patiño, Seve Penelas, Natalia Poncela, Miguelanxo Prado e Carlos Rosón.