Desde o Ateneo Ferrolán din que traballarán para organizar a vindeira 20º edición deste concurso internacional en agosto de 2011.
Foto: José J. Presedo
A loita pola supervivencia do Concurso Internacional de Gaita Galega Constantino Bellón, que promove o Ateneo Ferrolán, non ten paraxe. Xa en 2009, por vez primeira na historia, non se puido organizar en agosto. Unha parte tivo que ser adiada a novembro dese ano, e outra segunda a marzo de 2010.
Daquelas, a Secretaría Xeral de Emigración decidiu retirar o apoio económico, que anteriores gobernos viñeran dando desde había anos. Un diñeiro que se investía na participación de catro artistas das comunidades galegas do exterior, mais que actualmente a Xunta se nega a pagar alegando razóns de "austeridade".
Finalmente, explica o presidente do Ateneo Ferrolán, Eliseo Zaera, unha axuda do Concello de Ferrol -que "tamén apoiará" a publicación "en breve" da gravación do último certame- e da Deputación da Coruña fixo posíbel a XIX edición Constantino Bellón.
Repítese de novo a situación coa XX edición. Ademais dos "recortes orzamentarios", do "abandono dalgúns apoios institucionais" e da "tardanza en recibir resposta das entidades" ás que solicitaron axuda, hai que ter en conta o "escaso marxe de tempo dende o remate da XIX edición".
Todos estes condicionantes "imposibilitáronos para desenvolver en tempo e forma a convocatoria para este 2010. Traballaremos para levar a cabo a próxima XX edición do Constantino Bellón nas datas de sempre no ano 2011", aseguran desde o Ateneo.